A Xunta pon en valor o Camiño de Santiago como símbolo do vencello da mocidade galega do exterior coa súa terra de orixe
O secretario xeral da Emigración acompañou hoxe en Santiago de Compostela as persoas participantes na 36ª edición do programa autonómico Conecta con Galicia no Camiño durante a súa etapa final ata a praza do Obradoiro
Antonio Rodríguez Miranda destaca que a iniciativa reuniu preto de 100 participantes da Arxentina, O Brasil, Cuba, O Uruguai, Venezuela e México, que elevan a case 3.600 as persoas beneficiarias globais
Salienta que, unha vez rematada a experiencia, a mocidade implicada poderá prolongar a súa estadía ata 15 días máis, co fin de reforzar os vínculos familiares e seguir explorando a súa identidade galega
Agradece a participación na etapa de hoxe dun grupo involucrado no tamén programa autonómico Conecta co Voluntariado en Galicia, que persegue consolidar o nexo coa terra de orixe a través da valorización do patrimonio natural e cultural de Galicia
Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2026
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañou hoxe na súa etapa final ata a praza compostelá do Obradoiro as preto de 100 persoas participantes na edición deste ano do programa Conecta con Galicia no Camiño, unha iniciativa da Xunta que ofrece á mocidade galega residente no exterior a oportunidade de coñecer a súa terra de orixe a través da ruta xacobea. Alí, destacou que as mozas e mozos implicados —que proceden da Arxentina, O Brasil, Cuba, O Uruguai, Venezuela e México— elevan a case 3.600 o total de convocados nas 36 edicións que acumula o programa.
Organizada pola Secretaría Xeral da Emigración en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, a iniciativa está dirixida a galegas e galegos de entre 18 e 21 anos residentes no exterior, co obxectivo de reforzar os seus vínculos con Galicia. Sendo para unha boa parte deles a primeira vez que viaxan á súa terra de orixe, Miranda pon de relevo que o programa promove o intercambio cultural, a convivencia interxeracional e o retorno emocional e identitario, abrindo tamén as portas ao retorno educativo e profesional.
Durante a estadía, a mocidade participante aloxouse nas residencias xuvenís Altamar (Vigo) e Florentino López Cuevillas (Ourense), ambas xestionadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Desde estes puntos, os grupos realizaron a pé máis de 100 quilómetros do Camiño de Santiago: ben polo Camiño Portugués, ben pola Vía da Prata, en función do lugar de aloxamento.
Ademais do percorrido xacobeo, o secretario xeral salienta que o programa incluíu actividades complementarias para achegar ás mozas e mozos o patrimonio cultural galego, a situación socioeconómica actual e o sistema universitario da Comunidade, ofrecéndolles unha visión completa e actualizada da Galicia do século XXI. Unha vez rematada a experiencia oficial, poderán prolongar a súa estadía ata 15 días máis, co fin de reforzar os vínculos familiares e seguir explorando a súa identidade galega.
O secretario xeral aproveitou para agradecer a participación na etapa final de hoxe do Conecta con Galicia no Camiño de mocidade implicada no tamén programa autonómico Conecta co Voluntariado en Galicia, que persegue consolidar o nexo coa terra de orixe a través da valorización do patrimonio natural e cultural. En concreto, cun voluntariado ambiental na ría de Arousa —que onte mesmo puido comprobar— e outro cultural no castro de Viladonga (Castro de Rei).