O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria presentou en rolda de prensa esta iniciativa
A Xunta colabora coa Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría na posta en marcha das primeiras Olimpiadas de Envellecemento Saudable
Antón Acevedo agradeceu o compromiso da entidade co benestar dos maiores e destacou a importancia deste tipo de accións que garanten a súa participación activa
Santiago de Compostela, 30 de xullo do 2026
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, presentou esta mañá xunto ao vicepresidente da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, José Ramón Martínez, e a concelleira de Deportes, Educación e Xuventude de Chantada, Belén Vázquez, a I Olimpiada de Envellecemento Saudable coa que colabora a Xunta de Galicia.
Antón Acevedo agradeceu á entidade o compromiso co benestar dos maiores e destacou a importancia de impulsar accións, coma estas Olimpiadas que se celebrarán en Chantada, e que dan visibilidade á poboación sénior, ao tempo que garanten a súa participación activa e social. Deste xeito, explicou que é fundamental ofrecer iniciativas integradoras e interxeracionais que axuden a combater o idadismo.
Ademais, recalcou que a través desta iniciativa vai dárselle visibilidade ás habilidades e autonomía dos maiores, ao tempo que se busca crear un espazo de convivencia e ocio no que poidan estar en compañía. Así, explicou que a Xunta de Galicia aposta polo envellecemento activo e saudable como elemento esencial contra a soidade non desexada e os estigmas contra a poboación maior.
Ao respecto, o director xeral indicou que todas as iniciativas que axuden a promover o benestar dos maiores serán sembre “ben recibidas desde a Xunta” e contarán co apoio do Executivo autonómico. Por iso, fixo fincapé en que o Goberno galego vai sumar esta actividade ao programa de iniciativas de envellecemento activo que ten en marcha, como Benestar en Balnearios, Xuntos polo Nadal, as aulas sénior ou o Carné +65.