A Xunta colabora cos proxectos de vida independente para persoas con discapacidade que desenvolve EVD Galicia

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, explicou que o Executivo galego destina máis de 4,2M€ ao ano a financiar 146 prazas nos centros de Crecente e Mos  

Mos (Pontevedra), 30 de xullo de 2026

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá, acompañada da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o centro residencial e ocupacional para persoas con discapacidade intelectual de EVD Galicia en Mos. Durante o encontro, puxo en valor os proxectos de vida independente entre persoas con discapacidade que promove a entidade e cos que colabora a Xunta.

Begoña Abeijón agradeceu o labor dos profesionais que acompañan cada día ás usuarias que forman parte dos centros desta organización. Neste sentido, sinalou que a Xunta de Galicia financia 146 prazas de atención no seu centro ocupacional e residencial de Mos e Crecente, aos que destina máis de 4,2 millóns de euros, dotando ao sur de Pontevedra dun importante servizo integral de coidados ás persoas con discapacidade.

Así mesmo, a directora xeral destacou o importante labor desta organización á hora de dar visibilidade ás necesidades das mulleres con discapacidade intelectual e impulsando a súa autonomía. Algo para que contan coa colaboración da Xunta de Galicia que no ano 2025 concedeu á entidade máis de 355.000 euros, a través da orde de achegas do IRPF, para apoiar diferentes iniciativas e programas da entidade.

Data de actualización: 30/07/2026