A Xunta convoca as axudas autonómicas de 12.000€ anuais para as persoas con ELA
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria destas achegas pioneiras dotada con 2,1M€
O prazo de solicitude comeza o vindeiro venres, 7 de agosto, e estará aberto ata o próximo 3 de novembro
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a cuarta convocatoria de axudas autonómicas de 12.000 euros destinadas aos afectados por Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA). A Xunta destina 2,1 millóns de euros a esta orde de achegas que son pioneiras no conxunto do país e que se puxeron en marcha por primeira vez no ano 2023.
O prazo de solicitude comeza o vindeiro venres, 7 de agosto, e estará aberto ata o 3 de novembro. O obxectivo destas axudas, que son compatibles con calquera outra orde de achegas, é contribuír a sufragar os elevados custos desta enfermidade e, polo tanto, pode empregarse para a adquisición de produtos esenciais, contratación de servizos ou mesmo obras de adaptación na vivenda.
Con esta nova orde de achegas, o Goberno galego reafirma o seu compromiso con todos os doentes de ELA e as súas familias, despois de moitos anos de traballo para intentar mellorar a súa calidade de vida e axilizar a súa atención. Con todo, a Xunta segue reclamando ao Goberno central que as axudas da Lei ELA sexan para todos os doentes e que poidan utilizarse para o servizo que precisen.