A Xunta pon en valor a colaboración con Lugomadera para reforzar a prevención de riscos laborais no sector forestal e na industria da madeira

Lugo, 31 de xullo de 2026

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, visitou hoxe a sede da Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (Lugomadera) co gallo de coñecer de primeira man o seu servizo de prevención mancomunado, integrado na mesa de traballo constituída polo Issga para o sector forestal e a industria da madeira de Galicia. Alí, puxo en valor este servizo que presta asesoramento técnico especializado ás empresas asociadas en Lugomadera, así como a colaboración que vén consolidando a entidade coa Xunta nos últimos anos de cara a reforzar a prevención de riscos laborais.

En concreto, esta cooperación materialízase no desenvolvemento conxunto de campañas de sensibilización, accións formativas e materiais divulgativos dirixidos a mellorar a cultura preventiva e a atallar riscos como os traballos no monte, o manexo de maquinaria, as operacións de carga e descarga, o mantemento de equipos e a seguridade nos serradoiros. A representante autonómica valorou o obxectivo común de reducir a sinistralidade laboral mediante a formación, a planificación preventiva e a implantación de boas prácticas e agradeceu o labor continuo de Lugomadera no só no referido ao asesoramento técnico, senón tamén a través de visitas a empresas e facendo seguimento das medidas preventivas. O obxectivo, concluíu, é favorecer a mellora continua das condicións de traballo, co conseguinte incremento da competitividade, da profesionalización e da sostibilidade no sector forestal-madeira.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2026