O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude inaugurou no Museo das Peregrinacións unha mostra do labor do fotógrafo galego entre finais do século XX e principios do XXI
López Campos erixe a Tino Martínez como exemplo do valor da fotografía como “tesemuño documental e patrimonial"
O representante do Goberno galego enxalza o papel dos museos pola súa contribución na posta en valor desta disciplina artística
Destaca que, a través desta exposición, se incide en como “estes profesionais son cronistas imprescindibles da vida institucional e cotiá dunha sociedade”
Salienta a capacidade da mostra, aberta ata o 1 de novembro, de “reflectir de xeito recoñecible a historia institucional e o latexo cotián da Compostela dunha época”
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu hoxe o fotógrafo compostelán Tino Martínez como exemplo do “valor imprescindible” desta disciplina como “testemuño documental e patrimonial da sociedade e cultura dunha época”. Fíxoo durante a inauguración, no Museo das Peregrinacións e Santiago, da mostra Modo manual. Ensaio fotográfico por Santiago de Compostela que recolle a vida institucional e cotiá da capital galega, captadas por este profesional entre finais do século XX e principios do XXI.
Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego enxalzou tamén a contribución dos museos públicos galegos na posta en valor desta arte e dos seus profesionais “ao dar espazo e proxección dos seus traballos, ao tempo que difundir e expandir a súa calidade artística e a relevancia que teñen para reflectir a historia, cultura e latexo vital dun pobo”.
A este respecto, López Campos enxalzou o traballo de Tino Martínez, a quen cualificou de “prestixioso fotógrafo de máis de 40 anos de traxectoria e 30 exposicións individuais e colectivas”. Ademais, definiuno como “artesán puro” polo seu manexo da fotografía analóxica, “nun tempo dominado pola inmediatez dixital”.
Neste senso, salientou a capacidade da mostra, aberta ao público ata 1 de novembro, “por reflectir de xeito recoñecible a historia institucional e o latexo cotián da Compostela dunha época”. Precisamente, explicou que, entre as preto de medio cento de fotografías de Tino Martínez, se deixa constancia das figuras máis relevantes da cultura, a universidade, a ciencia e a relixión, “pero tamén das súas propias amizades, convertendo os seus retratos nun testemuño vivo da alma compostelá”.
Deste xeito, o conselleiro considerou que, con esta exposición, o Museo das Peregrinacións e de Santiago pon o foco na relevancia do “fotógrafo a pé da rúa, que se converte e converte tamén as súas imaxes en memoria viva dunha sociedade e da súa cultura”. Nesta liña, tamén fixo fincapé no papel deste centro museístico para pór en valor “a importante creación cultural e dos bens patrimoniais que atesoura a cidade de Compostela”.
Máis de 60 pezas
A mostra Modo manual. Ensaio fotográfico por Santiago de Compostela exhibe máis de 60 pezas vinculadas ao autor compostelán. En concreto, pódense ver 43 fotografías, repartidas en 3 seccións, segundo a súa tipoloxía; panorámicas, nocturnos e retratos de personaxes da vida compostelá entre os anos 1980 e 2000.
A exposición compleméntanse cunha pequena escolma do equipo técnico do autor, con máis de 20 obxectos, entre os que destacan as cámaras fotográficas utilizadas para cada tipo de fotografía, chasis, fotómetros, visores, tubos de extensión, parasoles, ou fichas de estudio orixinais e positivados manuais en diferentes materiais.