A Xunta apoia a IX edición de Stock Marín para contribuír a dinamizar o tecido comercial de proximidade e impulsar as vendas
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á inauguración deste evento organizado pola Asociación Comercial Local Estrela de Marín co apoio do Goberno galego, que se celebrará ata o domingo na Alameda Rosalía de Castro
Neste marco, instalarase tamén un posto informativo da campaña autonómica ‘Comercio Compensa’, que promove hábitos de compra máis responsables e fomenta o uso de alternativas reutilizables
Marín (Pontevedra), 31 de xullo de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu hoxe á inauguración da IX edición de Stock Marín, unha iniciativa impulsada pola Asociación Comercial Local Estrela de Marín co apoio da Xunta de Galicia. A campaña celebrarase desde hoxe e ata o domingo 2 de agosto na Alameda Rosalía de Castro. Ademais da oferta comercial dos establecementos asociados, o evento inclúe un sorteo final de 700 euros entre as persoas participantes.
No marco desta iniciativa, instalarase ademais un posto informativo da campaña autonómica Comercio Compensa, coa que a Xunta promove hábitos de compra máis responsables, fomenta o uso de alternativas reutilizables e pon en valor o comercio de proximidade. Así, durante as tres xornadas, todas as persoas que presenten un tícket de compra recibirán unha bolsa de tea coa imaxe da campaña, ata esgotar existencias.
Durante a súa visita, Gabriel Alén puxo de relevo a excelencia do centro comercial aberto Estrela de Marín, distinguido cunha mención nos Premios Nacionais de Comercio Interior 2025. Tamén lembrou que a entidade foi unha das cinco seleccionadas pola Xunta para desenvolver unha campaña extraordinaria de dinamización comercial, tras figurar entre as mellor valoradas na convocatoria de axudas autonómica aos centros comerciais abertos, na que se apoiaron un total de 56 entidades de toda Galicia. Neste marco, Estrela de Marín desenvolverá do 5 ao 11 de outubro a acción Que é un comercio?, unha iniciativa orientada a trasladar á cidadanía, especialmente ás familias e ás novas xeracións, os valores do comercio de proximidade como espazo de confianza, atención personalizada, relación social e identidade da vila.