A Xunta pon de relevo a Shopping Night de Redondela e a Tarxeta Activa Comercio do Porriño polo seu pulo dinamizador ao consumo local da comarca de Vigo
O director xeral de Comercio e Consumo asistiu esta tarde á ‘Aloha Shopping Night 2026’, organizada pola Asociación de Empresarios de Redondela e apoiada pola Xunta no marco das axudas autonómicas aos centros comerciais abertos
A resolución deste ano recolle unha achega extraordinaria para a campaña ‘Redondela no camiño’, que porá en valor en setembro a posición estratéxica da localidade como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués: a Central e a da Costa
Posteriormente, Gabriel Alén participou na presentación da Tarxeta Activa Comercio O Porriño do CCA Morea, que tamén se beneficiou da convocatoria que repartiu máis de 2,35 M€ este 2026 entre 56 centros comerciais abertos de toda Galicia
Redondela (Pontevedra), 31 de xullo de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, estivo esta tarde en Redondela e O Porriño, onde puxo en valor senllas accións orientadas a dinamizar o consumo local na comarca de Vigo. Por unha banda, asistiu á Aloha Shopping Night 2026 organizada pola Asociación de Empresarios de Redondela e, por outra, participou na presentación da Tarxeta Activa Comercio O Porriño do CCA Morea, ambas iniciativas apoiadas pola Xunta no marco da convocatoria que repartiu este ano máis de 2,35 M€ entre 56 centros comerciais abertos de toda Galicia.
No caso de Redondela, case medio cento de establecementos participan na noite de compras convidando á clientela a empregar os seus pasaportes Aloha para conseguir vales que a leven a volver mercar no comercio local. Máis aló dos descontos especiais dispoñibles, habilitáronse tres tendas efémeras na praza da Constitución e programación complementaria con música, sorteos ou mesas de degustación.
A acción de hoxe serviu para lembrar que a Asociación de Empresarios de Redondela foi beneficiaria este ano dunha achega extraordinaria para desenvolver o 27 e o 28 de setembro a campaña Redondela no camiño, que destacará a posición estratéxica da localidade como punto de confluencia das dúas variantes do Camiño Portugués: a Central e a da Costa. En concreto, haberá exposicións artísticas e culturais, unha feira de artesanía, comercio e produtos locais e un pasaporte do Camiño, todo centralizado en Vilavella, lugar que conserva a esencia da antiga vila medieval, foco de antigos oficios e mercado polo que agora cruzan miles de peregrinos.
Tarxeta Activa Comercio O Porriño
No que se refire ao Porriño, a Tarxeta Activa Comercio ten como obxectivo fidelizar a clientela habitual e atraer outra nova ao comercio asociado a través desta acción que supón aboar unicamente 30 euros por unha tarxeta cun saldo real de 40 €. Distribuiranse un total de 100 tarxetas para empregar no comercio local ata o 2 de outubro.
Ambas iniciativas apoiadas polo Goberno galego contribúen a consolidar os centros comerciais abertos como axentes fundamentais do tecido comercial local, dinamizadores da actividade económica das vilas e cidades. Todo no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, con 70 accións a prol da competitividade do sector.