A Xunta financia a contratación de 172 investigadores posdoutorais e predoutorais con máis de 30 M€
Do total de científicos nas distintas etapas, 150 desenvolverán o seu traballo nas tres universidades galegas e 22 noutros organismos
Incorpóranse ao sistema 151 investigadores predoutorais e posdoutorais do total de beneficiarios e 21 continúan, con financiamento para tres anos máis
Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2026
A Xunta financia a contratación de 172 investigadores predoutorais e posdoutorais nas universidades públicas galegas e noutros organismos con máis de 30 M€. En concreto son 102 investigadores na etapa inicial da carreira investigadora, que desenvolverán o seu labor durante catro anos cunha achega por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de 12,3 M€. En canto aos investigadores posdoutorais, o Goberno galego destina 18,4 M€ en dúas convocatorias que suman 70 axudas a científicos desta etapa para realizar o seu traballo por períodos de seis e tres anos, tamén nas universidades galegas e noutros organismos que contribúen ao progreso da nosa I+G+i.
Do total de investigadores predoutorais e posdoutorais, 151 incorpóranse ao sistema e 21 continúan o seu traballo en centros de investigación e organismos galegos tres anos máis. Por destino, 150 farán o seu traballo nas tres universidades galegas: 99 na Universidade de Santiago (USC), 33 na Universidade de Vigo (UVigo) e 18 na Universidade da Coruña (USC). Outros 22 investigadores desenvolverán os seus proxectos noutras entidades.
Na etapa predoutoral, que dá inicio á carreira investigadora, dos 102 investigadores beneficiados, como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), 90 incorporaranse no inicio de curso ás tres universidades galegas e 12 a outras entidades como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a organismos de investigación sanitaria e biomédica ou a centros do Consello Superior de Investigacións Científica (CSIC) en Galicia. As axudas son ata o ano 2030, como figura no actual Plan galego de financiamento universitario e continuarán no seguinte plan. Dos 90 que irán para as universidades, 64 son axudas para a Universidade de Santiago (USC), 14 para a Universidade da Coruña (UDC) e 12 para a Universidade de Vigo (UVigo).
En canto ás axudas posdoutorais, o seguinte chanzo na carreira investigadora, 49 son para investigadores por un período de seis anos que realizarán o seu traballo nas universidades galegas (40 do total) e noutras entidades (9 do total). A este apartado a Xunta destina máis de 15,1 M€ ata o ano 2032. Dos 40 que se incorporarán ás universidades galegas : 23 irán á USC, 15 á UVigo e 2 á UDC.
Outros 21 investigadores posdoutorais aos que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina unha partida de 3,3 M€, como contempla unha resolución publicada no DOG no mes de xullo, están nunha situación de continuidade da súa etapa posdoutoral, polo que son axudas por tres anos máis, ata 2029. Neste caso, 20 investigadores desenvolven a súa carreira nas tres universidades galegas (12 na USC, 6 na UVigo e 2 na UDC) e un no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.
Apoios desde os 24.600 aos 50.900 euros anuais
Os contratos predoutorais da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP teñen catro anos de duración e inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. O importe máximo da primeira e segunda anualidade é de 24.600 euros anuais, para o terceiro ano é de 25.200 euros e de 30.600 no cuarto. Esta convocatoria tamén conta cun período de orientación posdoutoral, dotado cun importe máximo de 31.500 euros anuais e destinados ás persoas que lean a tese de doutoramento antes da finalización da duración máxima do contrato.
En canto á etapa posdoutoral, son axudas para as universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e outros organismos que contraten persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutora ou doutor para a súa formación nos seus centros, permitindo nunha primeira fase a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro. Así mesmo, teñen como finalidade darlle continuidade á súa carreira investigadora, nunha segunda fase da axuda, para perfeccionar a súa formación e establecer unha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.
Durante os primeiros tres anos do contrato posdoutoral, os beneficiaries recibirán unha bolsa de 32.800 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, cobrarán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino. Durante a segunda fase, os beneficiarios cobrarán 50.900 euros ao ano durante todo o periodo, dos cales 39.900 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.
Estas liñas de actuacións son accións da Xunta de apoio á carreira investigadora, na que se inclúen tamén as axudas a grupos de investigación. Forman parte da aposta decidida do Goberno autonómico pola ciencia, como amosa o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, dotado con 1.310 M€ e que se centra, entre outras áreas, no talento. Neste eido, as accións de apoio á carreira investigadora son un dos piares da contratación de persoal científico universitario.