A directora xeral de Xuventude visitou os campamentos ‘Aventura na montaña’ en Becerreá e ‘Adventure Camp’ en Carballedo

Lara Meneses pon en valor a presenza da campaña ‘Modo Verán Activo’ na provincia de Lugo, con máis de 2.600 prazas

A oferta inclúe campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado, ocio alternativo para mocidade de 18 a 30 anos e a oferta en instalacións xuvenís

Becerreá (Lugo), 5 de agosto de 2026.

A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo hoxe en valor a presenza da campaña Modo Verán Activo na provincia de Lugo cun total de 2.672 prazas. Fíxoo na súa visita ao campamento Aventura na montaña, que se leva a cabo na localidade lucense de Becerreá.

Neste senso, a representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou a importancia desta oferta “non só axudar a conciliación, senón tamén para ofrecerlle á cativada iniciativas lúdicas e culturais de calidade, que lles permitan tecer lazos e crear recordos que levarán consigo toda a súa vida”. Con este fin, sinalou, a Xunta de Galicia mantén un firme compromiso para continuar “a mellorar esta campaña, coa que este ano chegamos a 11.932 prazas, a maior oferta da historia”.

No caso de Becerreá, as instalacións do centro de formación e experimentación agroforestal acollen este verán o campamento Aventura na montaña, que reúne a 175 rapaces en cinco quendas ata o 18 de agosto. Os participantes realizarán iniciativas de concienciación contra o lume, descuberta de alta montaña, actividades de supervivencia,  propostas deportivas, entre moitas outras como xogos de distensión, un obradoiro tradicional de xabón ou un rastrexo fotográfico de Becerreá.

Posteriormente, Lara Meneses aproveitou tamén para saudar aos participantes no campamento Adventure Camp no Centro Peares de Inmersión Lingüística, en Carballedo (Lugo), onde visitou a primeira quenda das tres coas que conta esta iniciativa que ofrece un total de 180 prazas. Esta actividade ofrece á cativada propostas en inglés coma xogos de educación ambiental, un obradoiro radiofónico e cinematográfico, técnicas de orientación e supervivencia ou rutas de interpretación ambiental pola contorna.

Un verán con actividades ata os 30 anos

A modalidade de campamentos concentran a maioría da oferta da campaña Modo Verán Activo. Trátase dunha iniciativa destinada a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións. Compleméntase cos minicampamentos Coñece Galicia, unha modalidade que permite ofrecer unha proposta lúdico formativa en espazos naturais cunha duración de cinco días, que este ano chegan ás 876 prazas. Tamén se lle dá continuidade ao paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas, e aos campos de voluntariado, destinados a persoas maiores de 18 anos, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria ata as 815 entre Galicia, outras Comunidades Autónomas e o estranxeiro.

Ademais desta oferta directa, con 1.270 prazas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/08/2026