López Campos visita a Illa de Sálvora para coñecer as necesidades de actuacións en materia de patrimonio
Ribeira (A Coruña), 5 de agosto de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe a Illa de Sálvora para coñecer de primeira man as súas necesidades en materia de patrimonio e valorar posibles actuacións neste Ben de Interese Cultural, pertencente ao concello coruñés de Ribeira.
O responsable de Patrimonio do Goberno galego fixo este percorrido pola illa, que xunto coas de Vionta, Noro e Sagres integran o primeiro espazo destas características que foi considerado BIC en Galicia pola súa importancia cultural, e que forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas. Por estes motivos, considerou necesario facer un seguimento constante do seu estado patrimonial, na liña do compromiso do Goberno galego coa conservación e posta en valor dos seus bens máis senlleiros.