A Xunta destaca o papel do tecido empresarial de Ferrolterra na creación de emprego e na dinamización socioeconómica da comarca

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou en Narón o Grupo Intaf, especializado en enxeñería e servizos metalmecánicos, e en Cabanas Automoción Vilar do Colo, dedicada á reparación e mantemento de vehículos

Subliña a aposta do Goberno galego por unha formación flexible e adaptada ás necesidades de man de obra do tecido produtivo e o modelo autonómico de atracción de talento para facer fronte a retos como a cobertura de vacantes laborais

Salienta os apoios autonómicos enfocados á contratación da mocidade para garantir a remuda xeracional nos distintos sectores e negocios, entre eles os de primeira experiencia profesional en empresas e o Bono Remuda

Narón (A Coruña), 6 de agosto de 2026

A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, visitou hoxe en Narón as instalacións do Grupo Intaf, especializado en enxeñería e servizos metalmecánicos, e en Cabanas as de Automoción Vilar do Colo, de reparación e mantemento de vehículos. No marco destas visitas, nas que tamén estivo o presidente de APE Galicia, José Ramón Caldas, puxo de relevo o papel clave destas empresas na xeración de emprego e na dinamización socioeconómica da comarca de Ferrolterra e lembrou a importancia da colaboración público-privada para afrontar retos como a cobertura de vacantes laborais.

Nesta liña, subliñou a aposta do Goberno galego pola formación para o emprego flexible e adaptada ás necesidades de man de obra do tecido produtivo, ámbito para o que pon a disposición distintas liñas de axuda autonómicas, tanto para a formación de persoas desempregadas como ocupadas. O obxectivo, indicou, é facilitar que as empresas acaden os perfís cualificados que precisan para avanzar na súa competitividade.

Tamén destacou o modelo propio de atracción de talento que potencia Galicia, enfocado nun primeiro eixo ás persoas galegas do exterior e nun segundo aos traballadores de terceiros países. Unha folla de ruta con medidas que se suman ás destinadas a impulsar o mercado laboral interno, onde destaca a aposta por garantir a remuda xeracional, ámbito para o que o Goberno galego brinda apoios a prol da contratación da mocidade.

Entre eles a liña de apoio a mozas e mozos na súa primeira experiencia profesional en empresas que conta con 7,7M€, os 4M€ a este colectivo que abarca o programa Galicia Suma Talento: Emprégate ou o programa Investigo, con máis de 4,8 M€ para apoiar a contratación de menores de 30 anos nos ámbitos da investigación, da tecnoloxía e da innovación. Ademais, a Xunta promove a remuda xeracional nos negocios co Bono Remuda enmarcado no paquete único de axudas específicas para autónomos (case 41 M€) e que subiu o orzamento ata os 1,5 M€ para seguir avanzando neste ámbito.

A maiores, en Narón tamén visitou a sede do Grupo Cándido Hermida, dedicado ao deseño, fabricación e montaxe de mobiliario e equipamento integral para espazos comerciais, oficinas e hoteis, entre outros. Tamén se achegou ata as instalacións da Asesoría Prego, que acompaña a empresas e profesionais da zona en diferentes xestións da súa actividade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2026