Belén do Campo anima á cidadanía a visitar a Feira do Libro da Coruña que pechará as súas portas o luns 10 de agosto

A delegada da Xunta destaca o papel desta cita na promoción da lectura e no apoio ao sector libreiro e editorial galego

Os xardíns de Méndez Núñez acollen obradoiros, presentacións, sinaturas de obras, teatro, roteiros literarios e máis propostas

A Coruña, 6 de agosto de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, visitou, esta mañá, a Feira do Libro da Coruña, que se celebra nos xardíns de Méndez Núñez ata o vindeiro luns 10 de agosto, para coñecer de primeira man o desenvolvemento dunha das principais citas culturais do verán na cidade.Na visita tivo a oportunidade de saudar ao ilustrador coruñés, Jorge Blanco Cortés, un dos escritores participantes na feira.

Durante o percorrido polos diferentes postos, a delegada mantivo encontros con representantes das librarías, editoriais e autores participantes, aos que agradeceu o seu traballo para facer posible unha programación que converte a cidade nun punto de encontro arredor da lectura e da creación literaria.

A feira conta con 37 postos e no transcurso da mesma organizaranse 300 firmas e máis de 65 actividades.

A representante do Goberno galego salientou que esta feira constitúe “un escaparate fundamental para o sector do libro e unha oportunidade para seguir achegando a lectura á cidadanía, con propostas pensadas para todos os públicos dende os máis pequenos ata os seniors”. Neste sentido, animou aos coruñeses e ás persoas que visitan a cidade durante estas datas a aproveitar os últimos días da feira e participar nas numerosas actividades programadas.

A Feira do Libro da Coruña ofrece nesta edición arredor de 350 propostas culturais, entre presentacións de novidades editoriais, sinaturas de libros, obradoiros, contacontos, mesas redondas, espectáculos, roteiros literarios e encontros con autores, consolidándose como unha das citas máis destacadas do calendario cultural galego.

A delegada lembrou que esta iniciativa forma parte do circuíto de feiras do libro promovido pola Xunta de Galicia, dende o ano 2025, en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, a través dun convenio por un importe total de máis de 220.000€, mantendo os 165.000 euros para a celebración das Feiras do Libro de Galicia.  Esta unha iniciativa percorre 13 vilas e cidades galegas co obxectivo de fomentar o hábito lector, apoiar o comercio cultural de proximidade e dar visibilidade ao traballo de editoriais, librarías e creadores.

A Feira do Libro da Coruña permanecerá aberta ata o luns 10 de agosto en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas,  é a décima das 13 citas co libro e a lectura que teñen os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, catro delas na provincia da Coruña, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Rianxo, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, e Ponteareas.

Recollerá o relevo Viveiro, do día 13 ao 19 de agosto; Foz, do 20 ao 23, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29.

Durante a visita a delegada da Xunta salientou o papel das librarías no impulso do hábito lector, como o demostra a publicación do Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros de España en 2025 no que se recolle que o 65,9% de galegos e galegas len libros no seu tempo libre por ocio, establecéndose así coma unha das comunidades nas que máis subiu este índice nos últimos cinco anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/08/2026