A Xunta e a USC impulsan a improvisación teatral cun curso intensivo no Gaiás con alumnado de oito países
A iniciativa, que chega á súa terceira edición, consolídase como o único programa formativo universitario nesta disciplina en Europa
O ‘F!T’, a Formación en Improvisación Teatral da Universidade de Santiago de Compostela, acolle a 30 participantes de destinos como Brasil, Italia, Portugal, Arxentina, Colombia, México, Islandia e España
O curso desenvólvese desde o 28 de xullo e ata o 29 de agosto na Cidade da Cultura e conta coa colaboración do Centro Dramático Galego
Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2026
A Xunta de Galicia e USC impulsan o F!T, a Formación en Improvisación Teatral da Universidade de Santiago de Compostela na Cidade da Cultura. Esta iniciativa, que chega á súa terceira edición, consolídase como o único programa formativo universitario nesta disciplina en Europa e desenvólvese no Gaiás desde o pasado 28 xe xullo e ata o 29 de agosto.
Este ano, o F!T reúne a 30 estudantes de países como España, Brasil, Italia, Portugal, Arxentina, Colombia, México e Islandia, erixíndose como un espazo de encontro único ao redor das artes escénicas. A convivencia entre participantes de procedencias diversas crea un contexto de aprendizaxe e intercambio único, afianzando a Cidade da Cultura como escenario para o desenvolvemento de proxectos formativos de proxección internacional.
O proxecto, dirixido polos actores Antón Coucheiro, Gala Martínez-Romero e Feña Ortalli, combina obradoiros, clases e masterclasses impartidas por profesorado especializado, abordando distintas ferramentas da improvisación como a danza, o teatro físico, a estética escénica ou a dirección. Ademais, tamén conta con módulos teóricos a través dos que afondar na historia do teatro universal e ata unha materia na que explorar a relación entre neurociencia e improvisación.
A formación, que conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, complétase cunha mostra final de procesos, na que se pon en práctica o traballo desenvolvido ao longo do curso. Este ano, ademais, a iniciativa ábrese a toda a cidadanía co +F!T, que organiza obradoiros e espectáculos en distintos puntos de Santiago de Compostela.