O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu á posta en marcha do Centro de Coordinación Operativa Integrado na sede do 112 na Estrada

A Xunta activa o plan territorial de emerxencias e constitúe o Cecopi para coordinar o dispositivo da eclipse

Este órgano entra en funcionamento de xeito preventivo para favorecer unha resposta coordinada ante calquera incidencia que poida producirse durante a xornada da eclipse

A Estrada (Pontevedra), 7 de agosto de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participaron hoxe na xuntanza coa que se activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) e se constituíu o Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi), que se pon en marcha co gallo da eclipse do vindeiro 12 de agosto. Asistiron tamén á reunión o director xeral de Emerxencias e Interior, como director do Platerga, Santiago Villanueva; o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela; a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría; a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel  Francisco; a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Maria Luisa Piñeiro; e o director do 061, Román Gómez.  

Durante a reunión, o conselleiro destacou que a activación do Platerga en situación operativa 2 constitúe unha medida preventiva destinada a reforzar a coordinación das distintas administracións e servizos que participarán no operativo da eclipse, así como a facilitar o intercambio permanente de información e favorecer unha resposta conxunta ante calquera incidencia que poida producirse durante a xornada.

O Cecopi, pola súa parte, quedou constituído na sede do 112 Galicia na localidade pontevedresa da Estrada e, a partir deste momento, manterá a súa actividade mediante comunicación permanente entre os organismos que o integran. O propio día da eclipse volverá reunirse presencialmente para realizar o seguimento do operativo ata a normalización da mobilidade.

Por parte da Xunta estarán representados neste órgano Turismo de Galicia, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a Dirección Xeral de Mobilidade, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, a Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e Gardacostas de Galicia. Tamén formarán parte do Cecopi representantes da Delegación do Goberno en Galicia e das forzas e corpos de seguridade do Estado.

O operativo prestará especial atención ao seguimento da mobilidade, á coordinación dos servizos de emerxencias, á información meteorolóxica, á asistencia sanitaria, á prevención de incendios forestais, á seguridade no litoral e á atención das incidencias que poidan producirse ao longo da xornada, coa finalidade de facilitar unha resposta coordinada por parte dos distintos organismos. 

O conselleiro insistiu na importancia de manter a prudencia durante a xornada da eclipse e de seguir en todo momento as indicacións e normas de seguridade establecidas polas autoridades competentes en cada lugar.

Web informativa

Cómpre lembrar que a Xunta activou a finais de abril unha web específica sobre a eclipse que funciona como unha xanela única a través da que ofrece á cidadanía información actualizada sobre este fenómeno. O espazo, aloxado na web corporativa da Xunta de Galicia, permite acceder a un mapa interactivo no que se poden consultar os datos da eclipse en cada concello, desde as características do fenómeno segundo o lugar de observación —se será total ou parcial— ata a hora de inicio e finalización ou a predición meteorolóxica elaborada por MeteoGalicia. 

Ademais, inclúe recomendacións prácticas para seguir a eclipse con seguridade en materia de saúde, mobilidade, protección civil e protección do medio ambiente e dos espazos naturais.

Servizos especiais de autobús

A Xunta lembra tamén que o vindeiro 12 de agosto funcionarán os servizos especiais de transporte público por estrada habilitados para facilitar os desprazamentos con motivo da eclipse e ofrecer unha alternativa ao vehículo particular.

Os billetes xa poden adquirirse nas páxinas web das empresas operadoras Monbus e Arriva, encargadas da comercialización destes servizos especiais, que complementarán a oferta regular de transporte prevista para esa xornada.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/08/2026