O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou aos participantes na iniciativa ‘Memoria viva'
López Campos agradece o labor dos máis de 600 mozos implicados este verán nos campos de voluntariado
Trátase dunha das modalidades do programa ‘Modo Verán Activo’, que este ano aumentou en 300 as súas prazas, ata as 11.932, a maior cifra da historia
O representante de Xuventude destaca “o compromiso da nosa mocidade que decide aproveitar o período estival para xerar un impacto na súa contorna e tecer lazos”
No caso da Estrada, as actividades céntranse no ámbito social, medioambiental e sociocultural
A Estrada (Pontevedra), 7 de agosto de 2026
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, agradeceu hoxe a implicación e o labor dos máis de 600 mozos que este verán participan nos campos de voluntariado ofertados pola Xunta de Galicia ao abeiro da campaña Modo Verán Activo. Fíxoo na súa visita ao colexio Manuel VIllar Paramá, da Estrada, onde mozos e mozas de entre 18 e 30 anos participan no campo de voluntariado Memoria Viva.
Durante a súa visita, o representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, puxo en valor “o compromiso e a xenerosidade da nosa xuventude, que decide aproveitar o período estival para formar parte dunha experiencia única, xerar un impacto na súa contorna e tecer lazos a través dunha alternativa de lecer e tempo libre baseada no intercambio de coñecemento e no fomento da convivencia e a participación”.
No caso concreto da Estrada, ata o 18 de agosto a mocidade participa nunha proposta que combina a recuperación histórica coa conservación ambiental e a xestión cultural. Así, tal e como precisou López Campos, a actividade dos participantes divídese no eixo social, centrada en visibilizar o papel das mulleres na parroquia mediante entrevistas e a creación dun arquivo e un itinerario cultural baseado na antiga escola feminina; na liña medioambiental, con labores de limpeza, mantemento e mellora de accesos en espazos naturais locais, e, por último, na liña sociocultural, onde as persoas voluntarias apoian a organización, loxística e difusión do festival As Nosas Músicas.
Así mesmo, Memoria viva inclúe obradoiros de memoria interxeracional e actividades lúdicas para coñecer o patrimonio galego, visitas, a participación no festival As Nosas Músicas, kaiak polo río Ulla ou veladas.
Un verán con actividades ata os 30 anos
A campaña Modo Verán Activo conta cun total de 11.932 prazas, converténdose na maior cifra da historia e nun referente para o conxunto do Estado. Neste senso, a maior oferta coa modalidade de campamentos, destinados a nenos e nenas de entre 9 e 17 anos, e que este ano conta con 8.050 prazas repartidas en 36 instalacións. Tamén se lle dá continuidade ao paquete de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos, que ofrece 160 prazas, e aos campos de voluntariado, destinados a persoas maiores de 18 anos, que incrementan as súas prazas nesta convocatoria ata as 815 entre Galicia, outras Comunidades Autónomas e o estranxeiro.
Ademais desta oferta directa, con 1.270 prazas a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén inclúe na súa campaña de verán o uso das instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas.