A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático informou hoxe do balance climatolóxico do mes pasado e avanzou a predición xeral para a xornada da eclipse

Galicia rexistra o mes de xullo máis cálido desde que existen datos climatolóxicos

Tras indicar que tamén foi un mes moi seco, Paula Uría explica que o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos respecto do habitual, e de 22,5 graos o da temperatura media

Salienta que a partir de hoxe xa se pode consultar na web de MeteoGalicia a predición específica por horas e en cada concello galego para a xornada do 12 de agosto

De cara á visibilidade da eclipse, os prognósticos do tempo son favorables na maior parte das zonas de Galicia nas que se poderá observar este fenómeno de forma total

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2026

Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría.

Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.

Así mesmo, a directora xeral tamén indicou que xullo foi moi seco —cunha precipitación acumulada de 5 litros por metro cadrado (l/m2) e un 86% menos de chuvia do habitual— aínda que sen chegar a bater neste caso rexistros históricos. De feito, nos veráns de 2020 e de 2016 o déficit de precipitacións en xullo foi maior (cun 93% e 91%, respectivamente).

Tras facer un resumo do balance climatolóxico do mes pasado, Paula Uría anunciou tamén que desde hoxe xa se pode consultar a predición específica de MeteoGalicia, por horas e en cada concello galego, para o día 12 de agosto, coincidindo coa eclipse total.

Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar este fenómeno astronómico de carácter excepcional aínda que a visibilidade dependerá en gran medida das condicións meteorolóxicas.

Por iso, a directora animou á xente que teña pensado desfrutar da eclipse na Comunidade a consultar a previsión para a xornada do mércores no lugar de observación escollido a través do apartado habilitado na web de MeteoGalicia, que permite acceder a un mapa e desde aí, pinchando sobre cada concello, a unha pestana co prognóstico para a mañá, a tarde e a noite do 12 de agosto, así como ao resto de información detallada por horas.

En canto á predición xeral para ese día, Uría explicou que os prognósticos do tempo son favorables na maior parte das zonas de Galicia nas que se poderá observar este fenómeno de forma total. En concreto, o 12 de agosto a Comunidade estará nunha situación intermedia entre o anticiclón situado sobre o centro de Europa e as baixas presións no Atlántico. Con este contexto, agárdanse para as primeiras horas do día nubes baixas no terzo norte, néboas no interior e brétemas nas Rías Baixas que a medida que avance a mañá darán paso a ceos despexados en toda Galicia.

A partir de media tarde volverán entrar as nubes baixas polo norte, polo que cara á noite, os concellos das comarcas de Terra de Soneira, Bergantiños, A Coruña, Ortegal e a Mariña de Lugo son os que teñen máis probabilidade de que o ceo se vaia cubrindo de norte a sur.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026