Belén do Campo supervisa as obras de mellora que se están a executar co apoio da Xunta na Casa Común de Solláns para reforzar a súa conservación, accesibilidade e funcionalidade

A representante do Goberno autonómico destacou o compromiso da Xunta coa mellora das Infraestruturas públicas para ofrecer espazos máis seguros, confortables e eficientes

Teo (A Coruña), 10 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, visitou o Concello para coñecer as obras de reforma interior e renovación da cuberta da Casa Común de Solláns en Calo, un equipamento municipal de carácter social que desenvolve un espazo esencial como punto de encontro, relación e desenvolvemento de actividades veciñais, culturais e comunitarias.

Esta actuación conta cun apoio da Xunta de case 30.000 euros a través da orde infraestruturas de uso público deste ano 2026 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que está  destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes. 

Durante a visita a delegada explicou que as obras que se están executando permiten renovar tanto a cuberta e a fachada  e acondicionar un novo espazo destinado a aseos, mellorando así a conservación, a accesibilidade e a funcionalidade das instalacións.

No exterior do inmoble, os traballos xa executados centráronse na renovación integral da cuberta, coa retirada da antiga tella e a colocación dunha nova cubrición de tella cerámica, así como na impermeabilización das chemineas para reforzar a protección fronte ás filtracións. Ademais, substituénse os actuais canlóns e baixantes por novos elementos de aluminio lacado.

Ademais, as obras continuarán coa renovación da pintura da fachada exterior, mellorando tanto a imaxe como a conservación do edificio. No interior, a actuación tamén contempla habilitar un novo espazo de aseos mediante unha reforma integral do local existente. Os traballos inclúen a retirada dos revestimentos e elementos actuais, a mellora do illamento térmico, a colocación de novos revestimentos e pavimentos, así como a renovación das carpintarías exteriores para incrementar a eficiencia enerxética, ademais de colocar novas instalacións de fontanería e saneamento, lavabos, accesorios e o resto do equipamento necesario para ofrecer un servizo moderno, funcional e plenamente operativo

As obras contemplan tamén a adaptación das escaleiras para mellorar a súa accesibilidade e seguridade, a instalación de falso teito, a renovación da iluminación con tecnoloxía LED e luminarias de emerxencia, así como a dotación dun sistema de ventilación que garanta unha correcta calidade do aire.

A delegada da Xunta lembrou que o ano pasado este municipio tamén recibiu desta orde outros case 30.000 euros o que lles permitiu levar a cabo obras de reparación da envolvente exterior da Casa do Concello.

Apoio ás dotacións e servizos básicos municipais

Con esta iniciativa o Goberno galego quere impulsar a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico. O obxectivo é mellorar das dotacións e infraestruturas básicas e dos servizos municipais. Búscase así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano, o interior e da costa, a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.

Orde 2026

Belén do Campo lembrou que esta orde vai dirixida á creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais e está dotada cun orzamento de 3,5 millóns de euros. Este ano 2026 esta orde  permite impulsar actuacións en 32 concellos da provincia por un importe de máis de 1,1 millóns.

A través desta convocatoria subvenciónanse as obras nas redes de alumeado público; a pavimentación de camiños públicos municipais; e as obras en prazas, parques, paseos e rúas. A estas engádense a creación ou rehabilitación de edificios ou dependencias municipais destinadas á prestación de servizos municipais, así como a mellora da súa accesibilidade ou a dotación de equipamentos destes edificios ou dependencias.

As axudas van dirixidas aos concellos de menos de 30.000 habitantes, que poden solicitalas de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións. Cada concello pode presentar un máximo de dúas solicitudes,  sempre que unha delas sexa individual e outra conxunta e para actuacións diferentes. Ademais, cada petición debe corresponderse cun único proxecto, que pode abranguer varias accións.

A colaboración do Goberno galego financiará ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e de 50.000 euros para as conxuntas ou as presentadas por concellos resultantes dun proceso de fusión municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/08/2026