A Xunta comproba a operatividade do novo dron subacuático e do robot de intervención antiincendios da Axega
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu a unha demostración do funcionamento desta dotación, adquirida ao abeiro do proxecto Atempo para mellorar a coordinación e a resposta dos servizos de emerxencias na cooperación transfronteiriza.
O novo equipamento reforza as capacidades da Axega tanto nas buscas subacuáticas como nas intervencións en incendios e rescates en contornas de difícil acceso
O dron pode alcanzar unha profundidade de ata 300 metros en augas interiores e dispón dun brazo articulado para a recuperación ou manipulación de obxectos
O robot permite actuar en zonas de difícil acceso, tanto no ataque directo ás lapas como na protección dos equipos de extinción grazas a unha cortina de auga
A Estrada (Pontevedra), 11 de agosto de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, asistiu a unha demostración do funcionamento dos novos medios tecnolóxicos destinados ao Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axega, entre eles o novo dron subacuático e o robot de intervención con control remoto, adquiridos ao abeiro do proxecto Atempo.
Con esta nova dotación, financiada a través do programa Interreg POCTEP 2021-2027, a Axega reforza as capacidades operativas dos servizos de emerxencias para actuar en contornas especialmente complexas. Durante a demostración, o conselleiro puido comprobar as prestacións do dron subacuático, capaz de realizar buscas en augas interiores de ata 300 metros de profundidade e dotado dun brazo articulado para a recuperación ou manipulación de obxectos, así como as do robot de intervención portaferramentas con control remoto, destinado a reforzar a resposta en tarefas de extinción de incendios e rescate en zonas de difícil acceso.
O dron subacuático constitúe un sistema moi versátil e polivalente, preparado para a integración futura de novos sensores, sistemas de posición e tecnoloxías de captación de imaxe, o que permitirá ampliar as súas funcionalidades e adaptalo a diferentes escenarios operativos e necesidades de investigación. Así, ademais de utilizarse para a localización de persoas, poderá empregarse na busca de obxectos relacionados con investigacións, sempre baixo a coordinación da Garda Civil ou da Policía Nacional.
Pola súa banda, o robot de intervención portaferramentas con control remoto reforza a capacidade de actuación da Axega en incendios e outras emerxencias en contornas especialmente hostís ou de difícil acceso. O equipo está preparado para realizar tarefas de extinción, obter unha visión do espazo afectado cando o acceso resulta imposible e colaborar en operacións de rescate. Durante a demostración amosáronse tanto as súas capacidades de ataque directo ás lapas como de protección dos equipos de intervención mediante unha cortina de auga.
Ademais, a súa configuración permítelle operar en condicións adversas de auga, lama, po ou proxeccións de materiais, así como desprazarse con seguridade por pendentes pronunciadas, terrapléns ou cantís. No futuro, poderá incorporar un sistema de vídeo en directo para operalo en remoto e transmitir as imaxes en tempo real aos centros de mando.
Esta actuación enmárcase no proxecto Atempo, financiado a través do programa Interreg POCTEP 2021-2027, que ten como finalidade mellorar a preparación, coordinación e resposta dos servizos de emerxencias mediante a dotación de novos recursos tecnolóxicos e a cooperación transfronteiriza.