A Xunta promove a inclusión e a integración a través dos campamentos de verán para persoas con discapacidade
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou aos participantes que desfrutan estes días no albergue xuvenil de Gandarío
As actividades, que comezaron con quendas o 13 de xullo, van prolongarse ata o 12 de setembro
Este ano, impartíuselle unha formación específica aos monitores sobre atención ás persoas con Trastorno do Espectro Autista
Bergondo (A Coruña), 11 de agosto de 2026.
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou esta mañá os participantes no campamento específico para persoas con discapacidade que ten lugar estes días no albergue xuvenil de Gandarío. Trátase, segundo explicou, dunha iniciativa da Xunta que se desenvolve ao longo do verán caracterizada pola inclusión e a integración.
A directora xeral puxo en valor a oferta da Xunta nestes campamentos de verán específicos, que ofrecen 250 prazas para persoas con discapacidade, co obxectivo de que poidan desfrutar dun verán de novas oportunidades. As primeiras quendas comezaron o día 13 de xullo e as actividades van desenvolverse ata o 12 de setembro en diferentes localizacións como o albergue de Gandarío ou as Residencias de Tempo Libre do Carballiño e Panxón (Nigrán).
Neste sentido, Begoña Abeijón explicou que nestes momentos estase desenvolvendo a quenda de actividades da modalidade ‘Natureza xunto ao mar’ que comezou o día 8 de agosto e prolongarase ata o próximo luns, día 17 de agosto, en Gandarío. Ademais, sinalou que os participantes van ter a oportunidade de desfrutar dun evento histórico coma a eclipse do vindeiro mércores nunha contorna privilexiada, polo que desde a Xunta facilitaránselle lentes homologados e todo o necesario para que poidan vivir con seguridade esta experiencia única.
Ao remate da visita, a directora xeral tamén puxo en valor a formación específica que o Goberno galego ofrece aos monitores destes campamentos en colaboración coa Federación Autismo Galicia, para dotalos de máis ferramentas na atención ás persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Con esta iniciativa, recalcou Abeijón, refórzase o compromiso da Xunta coa atención á discapacidade e búscase mellorar sempre esta experiencia para os participantes.