Belén do Campo comproba o avance das obras de mellora do peche do pavillón do IES do Porto do Son, no que a Xunta está a investir máis de 267.000 €

A delegada da Xunta destacou que esta actuación permitirá dotar ao centro dun pavillón máis seguro, funcional e adaptado ás necesidades da comunidade educativa

O Porto do Son  (A Coruña), 11 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde do Porto do Son, Luis Oujo, realizou hoxe unha visita ao IES Porto do Son para comprobar o avance das obras de mellora que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no pavillón deportivo do centro cun  investimento de 267.000 euros. Esta obra inclúese  dentro das grandes obras que está a executar a Xunta para seguir renovando as infraestruturas educativas e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, inclusivos e sostibles para toda a comunidade educativa.

Este centro contará este ano con ao redor de 400 alumnos e participa activamente en numerosos programas educativos como Club de Ciencia, Clubs de Lectura, Navega con Rumbo, PLAMBE ou  Plan Proxecta.

Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou que esta actuación supón unha importante mellora das instalacións deportivas, incrementando a súa seguridade, funcionalidade e confort para o alumnado e o conxunto da comunidade educativa.

As obras inclúen a execución dun novo peche perimetral da pista deportiva, que cubrirá todos os laterais do pavillón cunha altura de 3,75 metros. O peche conta cunha base de paneis prefabricados de formigón e unha parte superior de chapa ondulada microperforada de aluminio, un sistema que permite garantir a entrada de luz natural, a ventilación do espazo e a protección fronte á choiva lateral.

O proxecto contempla tamén a mellora da cuberta mediante a instalación de novos canlóns e baixantes para facilitar a correcta evacuación das augas pluviais, así como a substitución da cuberta de fibrocemento dos vestiarios por un panel sándwich, mellorando así o illamento e a durabilidade da instalación. Ademais, habilitarase un novo almacén de máis de 23 metros cadrados no interior do pavillón, na zona das gradas, optimizando os espazos dispoñibles para o almacenamento do material deportivo. Outro dos aspectos destacados da intervención é a reforma da instalación eléctrica e a dotación dunha nova instalación de protección contra incendios, da que carecía ata o de agora o pavillón.

A representante do Goberno autonómico destacou ademais que no Concello do Porto do Son se están levando a cabo actuacións ademais dentro do Plan Ben_Estar de pequenas obras intervencións no CEIP do Portosín, CEIP DE Sobrado-Nebra, CEIP Santa Irene e CEIP de Xuño, intervencións de melloras que suman ao redor de 100.000 euros.

Grandes obras na comarca

Belén do Campo subliñou que dentro das grandes obras que se están a executar na comarca do Barbanza destacan, ademais do muro no IES do Porto do Son, outras catro actuacións, concretamente no CEIP Praia Xardín de Boiro por un importe de máis de 1,1 millóns de euros, no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Rianxo por un importe de case 110.000 euros, no CEIP O Grupo de Ribeira por un importe de case 80.000 euros e no CEIP de Olveira tamén de Ribeira outros case 74.000 euros. En total o investimento neste 5 centros educativos ascende a case 1,7 millóns de euros.

A delegada da Xunta puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa mellora das infraestruturas educativas, incidindo en que actuacións como esta contribúen a ofrecer espazos máis modernos, seguros e adecuados para o desenvolvemento da actividade docente e deportiva nos centros educativos galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026