Belén do Campo entrega os lentes aos usuarios da residencia Torrente Ballester para que poidan seguir a eclipse total con seguridade

A delegada da Xunta lembrou que desde onte xa se pode consultar a predicción específica de MeteoGalicia para o mércores 12 de agosto, con información por horas e para cada concello galego

A Coruña, 11 de agosto de 2026

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe os usuarios da residencia Torrente Ballester, acompañada polo director do centro, Constantino Piñeiro, con motivo da eclipse total de Sol que poderá observarse mañá, mércores 12 de agosto, desde Galicia.

Durante a visita, Belén do Campo fixo entrega aos residentes dos lentes regulamentarios necesarias para poder contemplar o fenómeno astronómico con seguridade. A delegada participará tamén mañá na actividade organizada no propio centro para que os usuarios poidan desfrutar deste acontecemento excepcional.

Galicia será unha das rexións nas que mellor se poderá observar a eclipse total, aínda que a visibilidade dependerá en boa medida das condicións meteorolóxicas.

Neste sentido, Belén do Campo anunciou tamén que desde onte xa se pode consultar a predición específica de MeteoGalicia para o mércores 12 de agosto, con información por horas e para cada concello galego.

A delegada animou as persoas que teñan previsto desfrutar da eclipse na Comunidade a consultar a previsión meteorolóxica correspondente ao lugar de observación escollido. Para facilitar esta consulta, MeteoGalicia habilitou un apartado específico na súa web que permite acceder a un mapa e, premendo sobre cada concello, consultar unha pestana co prognóstico para a mañá, a tarde e a noite do 12 de agosto, así como o resto da información detallada por horas.

En canto á predición xeral para esa xornada, Belén do Campo explicou que os prognósticos son favorables na maior parte das zonas de Galicia nas que a eclipse poderá observarse de forma total.

A delegada lembrou, ademais, a importancia de empregar gafas regulamentarias e especificamente adecuadas para a observación de eclipses solares, como as que hoxe recibiron os usuarios da residencia Torrente Ballester, para poder contemplar este fenómeno astronómico con todas as garantías de seguridade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2026