O presidente da Xunta visitou o Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi) situado na Estrada
Rueda subliña que Galicia está preparada para vivir a eclipse de forma segura e apela á responsabilidade da cidadanía
Destaca o traballo conxunto co Goberno central para anticiparse e coordinarse co obxectivo de que “todo estea preparado e que todo o mundo poida desfrutar”
Insiste na necesidade de que “se planifique o desprazamento con tempo” e que se siga a información a través das canles oficiais
A Estrada (Pontevedra), 12 de agosto de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou esta mañá que Galicia está preparada para vivir a eclipse de forma segura, destacando o traballo conxunto da Administración autonómica co Goberno central para anticiparse e coordinarse, co obxectivo de que “todo estea preparado e que todo o mundo poida desfrutar”.
Rueda, que visitou hoxe na Estrada o Centro de Coordinación Operativa Integrado (Cecopi), apelou á precaución e á responsabilidade da cidadanía, facendo fincapé en que “se planifique o desprazamento con tempo” e “que non se agarde a última hora para achegarse ás zonas onde se ten previsto ver a eclipse”. Tamén resaltou a importancia de que se siga en todo momento “a información que está nas canles oficiais”.
O responsable do Executivo autonómico, que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, sinalou que Galicia vai “vivir un día histórico” e que este acontecemento “é unha maneira tamén de promocionar o noso territorio” xa que a Comunidade é “un dos lugares máis privilexiados de España para poder velo”.
O pasado venres Galicia activou o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga) Nivel 2 e constituíu o Cecopi, que desenvolverá un seguimento continuo ata que se normalice a mobilidade nas estradas despois da eclipse.
Desde o Cecopi estase a seguir en tempo real a mobilidade, a afluencia, o risco de incendio e calquera incidencia. Ademais, desde a Xunta reforzáronse o 112, os servizos sanitarios do 061, o transporte e a vixilancia no litoral e nos montes, tendo en conta a gran mobilidade prevista.
Recomendacións á cidadanía
Entre as recomendacións que a cidadanía ten que ter en conta para gozar a eclipse de xeito seguro, atópanse, ademais de respectar sempre as indicacións de Protección Civil e das forzas de seguridade; escoller puntos habilitados, así como evitar cantís, noiros inestables ou zonas de risco.
No eido da mobilidade, sublíñase que se se pode ver a eclipse preto da casa, mellor; e se se ten que coller o coche, é importante a planificación: saír con tempo e evitar viaxar á última hora. Cómpre lembrar que hai servizos especiais de bus tanto no Eixo Atlántico (Vigo-Ferrol e Vigo-A Coruña) como na Mariña Lucense (Lugo-Ribadeo e Ribadeo-Foz).
Tamén se recorda a importancia de aparcar só en zonas permitidas e deixar libres os accesos de emerxencia; usar sempre lentes homologadas; respectar o medio, deixando todas as zonas limpas; e ter precaución ante o risco de incendios.