A Xunta salienta a colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo a través do programa piloto de formación e emprego para 15 persoas sen traballo
Vigo, 12 de agosto de 2026
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, comprobou hoxe os traballos forestais que se están a desenvolver ao abeiro do programa piloto de formación e emprego impulsado pola Xunta en colaboración coa Mancomunidade de Montes de Vigo. Durante a visita, coñeceu os labores de acondicionamento da contorna da Ermida no monte Alba, do acondicionamento de espazos recreativos e eliminación de especies exóticas invasoras, ademais de participar nunha demostración práctica de vixilancia preventiva de incendios.
Zeltia Lado puxo en valor esta iniciativa, que complementa o modelo dos obradoiros duais de emprego que o Goberno galego desenvolve en colaboración coas entidades locais e que incorpora, neste caso, a colaboración público-privada para adaptar a formación ás necesidades concretas do territorio e dos sectores produtivos. Neste caso, a Xunta destina 364.500 euros para desenvolver durante nove meses un programa dirixido a 15 persoas desempregadas, que recibirán preto de 400 horas de formación ao tempo que realizan un traballo efectivo en actuacións de prevención de incendios e de recuperación e acondicionamento de terreos afectados polos lumes nos montes periurbanos de Vigo. A directora xeral salientou que o proxecto permite, deste xeito, mellorar as oportunidades de inserción laboral e responder ás necesidades específicas de cada contorna, mediante propostas formativas adaptadas ad hoc.