A Xunta financia a nova campaña de escavacións que se desenvolve ata o 18 de agosto na cova Eirós, en Triacastela
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, coñeceu os traballos neste xacemento, que alberga as únicas mostras de arte paleolítica descubertas en Galicia
Triacastela (Lugo), 12 de agosto de 2026.
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financia as novas actuacións arqueolóxicas que se están a desenvolver na Cova Eirós, en Triacastela, desde o pasado día 4 e ata o 18 de agosto.
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, coñeceu hoxe o alcance dos traballos acompañado polos codirectores da escavación, Arturo de Lombera e Pedro Rodríguez, e pola alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, e explicou que se executan no marco dun convenio coa Universidade de Santiago de Compostela polo que a Xunta achega 35.000 euros para o estudo deste xacemento e doutros situados na Serra da Enciña da Lastra, en Rubiá (Ourense).
Villares sinalou que o Goberno galego vén sufragando desde o ano 2015 as sucesivas campañas en Cova Eirós, “que revelaron un dos xacementos máis importantes de Galicia, xa que alberga as únicas mostras de arte paleolítica descubertas ata o de agora na comunidade”.
As escavacións no sector da entrada, iniciadas no ano 2008, permitiron descubrir abundantes materiais e restos de fauna, así como unha estratigrafía complexa, onde se atoparon restos de ocupacións paleolíticas que abranguen dende o paleolítico medio ata os momentos finais do paleolítico superior, e mesmo ocupacións da prehistoria recente e medievais. Salientan as ocupacións do paleolítico medio, atribuídas ao home de neandertal, nas que se teñen documentado dous fogares, algo pouco habitual en ocupacións tan antigas.
Durante a presente campaña prevese rematar as escavacións do nivel 4 e continuar tanto no nivel 5 como nas sondaxes para afondar no paquete estratigráfico e identificar novos niveis arqueopaleontolóxicos; así mesmo, acométense labores topográficos e de rexistro fotogramétrico do interior da cova. Algunhas destas tarefas tamén se levan a cabo na Gruta dos Blocos, situada nas inmediacións.
Na campaña participan máis dunha vintena de investigadores procedentes de universidades como a de Santiago de Compostela, Oviedo, Tarragona ou a Complutense. O proxecto ten unha vertente divulgativa, destacando as conferencias e charlas que se celebran coa veciñanza da contorna.