A conselleira María José Gómez participou na vixésimo novena edición da Feira da Rosca

Medio Rural impulsa un proxecto de investigación para poñer en valor e preservar a Rosca de Sober

A iniciativa conta coa implicación do persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela, do Concello, de rosqueiros e dun cociñeiro da localidade

María José Gómez explicou que para desenvolver esta investigación realizouse unha plantación experimental de seis variedades de trigo, das que se obtiveron aproximadamente 100 quilos de semente por cada unha

A conselleira destacou que nestes momentos xa se está a realizar a limpeza do gran procedente da devandita plantación experimental e está previsto que no mes de setembro se realice a moenda do trigo

Sober (Lugo), 12 de agosto de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na vixésimo novena edición da Feira da Rosca de Sober, onde lembrou que o Goberno autonómico está a impulsar un proxecto de investigación específico para poñer en valor e preservar esta elaboración, típica do municipio lucense. A iniciativa conta coa implicación de persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo; así como da Cátedra do Pan da Universidade de Santiago de Compostela, do propio Concello de Sober, de rosqueiros e dun cociñeiro da localidade.

Tal e como explicou a conselleira, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, o proxecto avanza na investigación das materias primas empregadas na elaboración da rosca. Para facelo, realizouse unha plantación experimental de seis variedades de trigo -entre elas se atopan as máis empregadas tradicionalmente na zona- das que se obtiveron aproximadamente 100 quilos de semente por cada unha.

Así, destacou que nestes momentos xa se está a realizar a limpeza do gran procedente da devandita plantación experimental. Está previsto que no mes de setembro se realice a moenda do trigo, para posteriormente dar paso á fase de elaboración e experimentación.

Gómez enxalzou a iniciativa, que contribúe á conservación dun produto ligado á identidade de Sober, ao tempo que favorece a súa proxección gastronómica, cultural e turística nun enclave natural de gran valor como é o caso da Ribeira Sacra.

Feira da Rosca e Túnel do Viño de Amandi

Ademais de poñer en valor esta elaboración, a conselleira sinalou este evento como un espazo idóneo no que promocionar os produtos agroalimentarios locais; especialmente daqueles amparados por selos de calidade diferenciada, como Artesanía Alimentaria ou os viños da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. De feito, no marco da celebración do oitavo Túnel do Viño de Amandi, a Consellería do Medio Rural impulsou a experiencia gastronómica Saborea Sober, na que a rosa estivo presente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/08/2026