Belén do Campo destaca na gala inaugural do Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña a súa aposta por unha celebración de diversidade cultural
O Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña naceu en 1987 por iniciativa de Coros e Danzas Eidos e, xa desde os seus primeiros anos, procurou adquirir unha personalidade propia e integrarse nas Festas de María Pita
A Coruña, 12 de agosto de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, asistiu esta tarde á gala inaugural do XXXIX Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña, unha cita que, tras case catro décadas de traxectoria, se consolidou como un dos grandes encontros culturais do mes de agosto na cidade herculina. Neste senso, agradeceu a Javier Carro, presidente da Asociación de Coros e Danzas Eidos pola organización deste festival.
A gala inaugural comezou coa presentación das bandeiras dos países e das agrupacións participantes, como símbolo da diversidade que caracteriza o certame. A continuación, o público puido desfrutar das actuacións da Asociación de Coros e Danzas Eidos, representante da Coruña e de Galicia; do Grupo Cultural Netos de Bandim, de Guinea-Bissau; da Pasacat Philippine Performing Arts Company, de Filipinas; do Traditional Dance Ensemble “Hachn”, de Armenia; e de Identidade Perú Taller de Danzas, do Perú.
O Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña naceu en 1987 por iniciativa de Eidos e, xa desde os seus primeiros anos, procurou adquirir unha personalidade propia e integrarse nas Festas de María Pita. Desde 1988 desenvolveuse de maneira continuada, consolidándose como unha das citas máis recoñecibles do calendario festivo coruñés do mes de agosto.
A súa dimensión internacional foi tamén medrando ao longo destas décadas. Neste sentido, o Festival Internacional de Folclore Cidade da Coruña está recoñecido como integrante do Consello Internacional de Organizacións de Festivais de Folclore e das Artes Tradicionais (CIOFF) e forma parte do Circuíto Norte de Festivais deste organismo en España.
A delegada da Xunta felicitou á organización por manter vivo un proxecto que “demostra que a cultura popular segue tendo plena vixencia e capacidade para atraer, emocionar e reunir a públicos de todas as idades”.