A Xunta reclama planificación e recursos ao Goberno Central para o acollemento menores de migrantes non acompañados

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na reunión da Comisión Sectorial de Infancia e Adolescencia

Demanda unha política migratoria seria e consensuada coas Comunidades Autónomas e poñer freo ao reparto unilateral e improvisado dos menores  

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2026

A Xunta demandou hoxe ao Goberno central planificación e recursos económicos suficientes para o acollemento de menores migrantes non acompañados. Fíxoo na reunión da Comisión Sectorial de Infancia e Adolescencia convocada polo Ministerio de Xuventude e Infancia para abordar a crise migratoria de Ceuta e na que participou o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey.

Ademais, desde a Xunta advertiuse a preocupación por que se normalicen estas chegadas masivas e que a única resposta do Executivo central sexa a de distribuír aos menores entre as comunidades. Tamén se apuntou a necesidade dun control efectivo das fronteiras e da confección dunha política migratoria seria, dialogada e consensuada, que poña freo ao reparto unilateral e improvisado dos menores.

Neste sentido, Galicia sinalou que antes de falar de reparto entre as Comunidades Autónomas, o Goberno central ten que identificar a todos os menores, informar de cantos son realmente e de cal e a súa situación, xa que nos últimos días as cifras oficializadas polo Goberno central non deixaron de variar substancialmente, o que supón un motivo de incerteza e unha sensación de absoluto descontrol.  

Así mesmo, insistiuse na necesidade de contar con recursos económicos suficientes para o sistema de protección de menores. Ao respecto, a Xunta denunciou que o Executivo central recortou a Galicia os fondos para a súa atención nun 82% con respecto ao ano anterior, pasando de 4,2 millóns a 750.000 euros.

Por outra parte, desde a Xunta tamén se esixiu ao Goberno central que non inclúa sen consensuar máis puntos na orde do día da Conferencia Sectorial prevista para o vindeiro 27 de agosto. Na reunión preparatoria de hoxe acordouse que figure un único punto: a asignación de 25 millóns de euros para Ceuta. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2026