A Feira do Libro de Viveiro arrinca con preto de medio cento de actividades

Os delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou na inauguración do evento, que permanecerá nos xardíns de Noriega Varela ata o domingo, día 16

A seguinte parada do circuíto, impulsado pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia, será Foz, entre o 20 e o 23 de agosto

Viveiro (Lugo), 13 de agosto de 2026

A Feira do Libro de Viveiro arrinca hoxe con preto de medio cento de actividades nos xardíns de Noriega Varela deste municipio da mariña lucense. Trátase da undécima das citas do circuíto que a Xunta de Galicia impulsa en colaboración coa Federación de Librarías de Galicia, e que está a percorrer 13 municipios galegos este verán dando lugar a máis de 80 días de actividade cultural.

O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, participou na inauguración e destacou  “a eficacia deste formato para a consecución de dous obxectivos primordiais: fomentar a lectura entre a cidadanía e impulsar o sector do libro galego”.

Tamén indicou que dinamizan as vilas e cidades ao longo do estío, ampliando a súa programación cultural, e subliñou “o papel principal dos libreiros, que desenvolven unha variada programación, fomentan a interacción directa entre creadores e público, e buscan a implicación dos lectores en distintas actividades”.

Baixo o lema de A porta a universos infinitos, esta cita de dinamización lectora acollerá presentacións de obras, sinaturas, humor, maxia, teatro, espectáculos infantís e conversas, entre moitas outras propostas.

Cómpre salientar que as librarías tradicionais seguen a manterse como o espazo principal onde os galegos e galegas mercan os seus libros, como o demostra o informe de hábitos lectores e compra de libros en Galicia en 2025 que constata que un 69,1 % da poboación galega mercan os seus libros nestes espazos.

A Feira do Libro de Viveiro, que forma parte da campaña de verán Para gustos, cultura, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa máis de 3.600 actividades en 200 municipios de toda Galicia, estará aberta ata o domingo 16 de agosto en horario de 12,00 a 14,00 e de 18,00 a 22,00 horas. A programación iniciouse hoxe coa lectura do pregón a cargo do catedrático de Lingua e Literatura Emilio Xosé Ínsua e da pregoeira infantil Carla Casabella Ínsua.

13 vilas e cidades de abril ata 29 agosto

Viveiro é a undécima das 13 citas co libro e a lectura que teñen os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias, tras a celebración das feiras en Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Redondela, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo e A Coruña.

Recollerá o relevo Foz, do 20 ao 23 de agosto, e rematarán en Monforte de Lemos, onde se celebrará do día 26 ao 29.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/08/2026