A Xunta reafirma o seu compromiso coa olería tradicional no XII encontro de Cacharreiros de Niñodaguia

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na inauguración desta cita, que conta un ano máis coa colaboración do Goberno galego

Niñodaguia destaca pola súa olería tradicional caracterizada pola cor amarela do barro da zona e polas técnicas e formas vinculadas ao patrimonio local e ao territorio

Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia colabora hoxe tamén en Lobios coa décima edición da ‘Festa da malla e da feira de artesanía e produtos locais’ organizada pola Asociación de veciños de Puxedo

Xunqueira de Espadanedo (Ourense), 14 de agosto de 2026

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron hoxe na inauguración do XII Encontro de Cacharreiros que se celebra en Niñodaguia, organizado polo Concello de Xunqueira de Espadanedo e que conta un ano máis co apoio do Goberno galego. Niñodaguia é un dos centros de olería tradicional aínda activos en Galicia, nos que a artesanía está estreitamente ligada ao territorio, tanto pola súa materia prima —o barro amarelo da zona, que distingue as pezas desta olería— como polo patrimonio que representan as técnicas e formas propias deste oficio.

A través da Fundación Artesanía de Galicia, a Xunta reafirma o seu compromiso coa conservación, divulgación e posta en valor da olería tradicional e do labor dos oleiros galegos. Este compromiso materialízase tamén noutras actuacións, como a nova liña de axudas incluída no programa Primeira Experiencia Profesional, destinada a incorporar novos talentos ao sector artesanal galego, para a que a Xunta destina un orzamento de 1 M€.

O Encontro de Cacharreiros consolídase como unha cita de referencia para o sector da olería e a cerámica, tanto a nivel galego como internacional. Na edición deste ano participan destacados oleiros e artesáns, entre os que se atopan Agustín Vázquez e Enrique Cabanas, representantes de Niñodaguia; Olería do Batán, de Baños de Molgas; Carlos San Claudio, de Vigo; Antón Román, de Gondomar; Susana González, da Coruña; Antía Caldeiro, de Xunqueira de Espadanedo; Fran Gorín, de Buño (Malpica de Bergantiños); Ana Méndez, de Pazos de Borbén; e representantes da Asociación Estivadinha, de Ourense. Tamén participan os artesáns portugueses Carlos Lima e Xana Monteiro, que achegan unha dimensión transfronteiriza ao encontro. A programación inclúe demostracións de olería e venda directa de pezas artesás.

X Festa da Malla de Lobios

Tamén na provincia de Ourense, a Xunta colabora coa Asociación de Veciños de Puxedo na posta en valor dos oficios artesanais tradicionais a través da X Festa da Malla e da feira de artesanía e produtos locais, que se celebra hoxe en Lobios.

A través da Fundación Artesanía de Galicia, o Goberno galego organiza un taller gratuíto de estampaxe vexetal e unha demostración de elaboración de zocas. Trátase dun evento etnográfico no que os propios veciños recrean unha das fases do ciclo do pan, a malla do centeo, nunha das eiras comunitarias da aldea.

Deste xeito, entre as actividades da feira figura o obradoiro Estampaxe vexetal en sacos de tea, impartido por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, que se desenvolverá ata as 20,30 h. A actividade é gratuíta e está aberta a todo tipo de públicos, sen necesidade de inscrición previa. Durante este horario tamén terá lugar unha demostración de elaboración de zocas a cargo de Álvaro Pin, O Florencio dos Barreiros.

A programación da feira complétase con obradoiros de elaboración de pan, o desfile dos malladores e a representación da malla tradicional na Eira da Carballa, presentada polo humorista e presentador Roberto Vilar, encargado do pregón inaugural, así como cun espectáculo de maxia a cargo do Mago Román.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/08/2026