Martina Aneiros comproba os avances nas obras do CPI San Sadurniño
A delegada da Xunta en Ferrol visitou hoxe o centro, onde se están a levar a cabo diferentes actuacións puntuais de mellora previas ao inicio de curso escolar
Os traballos afectarán a espazos utilizados por alumnos de primaria e secundaria cun orzamento de preto de 47.500 euros
San Sadurniño (A Coruña), 24 de agosto de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe xunto ao director territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Santiago Freire, e ao alcalde de San Sadurniño, Secundino García, as obras de mellora que se están a acometer no CPI San Sadurniño. Alí, mantiveron un encontro coa directora do centro, Ana María Brea.
Segundo explicou Aneiros, trátase de traballos puntuais que afectarán a estruturas de diferentes espazos destinados a alumnos de primaria, así como ao tellado do ximnasio que utilizan os estudantes de secundaria. As actuacións, financiadas polo Goberno galego por un total de preto de 47.500 euros, rematarán, segundo as previsións, neste mesmo mes, antes do comezo das clases.
“A educación é unha prioridade para a Xunta, e manter os nosos centros educativos nas mellores condicións é clave para acadar espazos óptimos para a formación das novas xeracións”, destacou a delegada.