María José Gómez destaca en Xove os avances do Plan de Pastos, que suma máis de cen actuacións en toda Galicia

A conselleira do Medio Rural asistiu hoxe á celebración da Feira de Gando de San Bartolo de Xove, onde afirmou que unha das principais liñas de traballo do seu departamento é o fomento da gandaría en extensivo

Nesta localidade, puxo en valor a colaboración coa comunidade de montes de Laxamoura, organizadora do evento, para a dotación e mellora de prados con traballos realizados en máis de 71 hectáreas e cun investimento de máis de 142.000 euros

Afirmou que Galicia é un “referente” na gandaría en extensivo, unha actividade que xera riqueza no agro e contribúe á xestión do territorio, especialmente na prevención de incendios forestais

Xove (Lugo), 24 de agosto de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe en Xove os avances do Plan de Pastos, que suma actuacións en toda Galicia. Fíxoo durante a súa visita á tradicional Feira de Gando de San Bartolo, celebrada na localidade, onde estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares.

Neste sentido, afirmou que o impulso e apoio ao sector gandeiro constitúe unha das principais liñas de traballo da Consellería, polo que se está a actuar para fomentar a gandaría en extensivo, a mellora da competitividade das explotacións, a remuda xeracional e tamén con acción sobre o terreo. Así, salientou o Plan de Pastos de Galicia, co que se mobilizaron desde o 2020 preto de 2.500 hectáreas en toda a comunidade, con 106 pasteiros e máis de 15 millóns de euros de investimento.

A conselleira lembrou que no concello de Xove colabórase desde o ano 2022 coa comunidade de montes da Laxamoura, organizadora da Feira de Gando de San Bartolo, na dotación e mellora de prados. Neste senso, fixo balance dos traballos realizados en máis de 71 hectáreas e cun investimento que, no seu conxunto, superou os 142.000 euros.

Gómez reafirmou a aposta do Goberno galego polos pasteiros, xa que son un modelo de aproveitamento sustentable do territorio, e incidiu en que se seguirá contando coas persoas gandeiras e coas comunidades de montes para favorecer o seu desenvolvemento ao longo de toda a comunidade.

Gandaría en extensivo

A titular de Medio Rural aproveitou a celebración da Feira de Gando de San Bartolo para poñer en valor a puxanza do sector gandeiro en Galicia, especialmente na zona da Mariña, e en concreto na gandaría en extensivo. Afirmou que a nosa comunidade é un “referente” neste tipo de actividade, que xera riqueza no agro e contribúe á xestión do territorio, especialmente na prevención de incendios forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/08/2026