A Xunta pecha o próximo domingo a mostra ‘As estacións do ano’ no Museo Gaiás con máis de 36.000 visitas

A exposición propón unha viaxe sensorial pola arte galega cun percorrido que atravesa as paisaxes e memorias da primavera, o verán, o outono e o inverno 

Máis de 80 pezas contemporáneas de 63 creadores, seleccionadas pola artista e comisaria Mónica Alonso forman unha proposta cun deseño envolvente para experimentar a arte cos cinco sentidos

O xoves día 3 haberá un encontro aberto cos artistas Sergio Marey, Mar Ramón Soriano e Berio Molina ao redor da creación contemporánea das últimas décadas

A mostra conta con pezas das coleccións de arte públicas e privadas máis destacadas de Galicia e pode visitarse de balde ata o domingo 6 de setembro

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2026

A exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI pechará as súas portas no Museo Centro Gaiás o vindeiro domingo 6 de setembro con máis de 36.000 visitas desde a súa inauguración a finais do pasado mes de febreiro. Concibido e comisariado pola artista e investigadora Mónica Alonso, o proxecto destaca polo seu deseño innovador, que constrúe un percorrido sensorial para mergullarse na arte contemporánea.

Máis de 80 obras de 63 artistas dan forma a un itinerario que transita polas paisaxes, símbolos e lembranzas asociadas ao paso do tempo e os cambios entre a primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia. Entre as pinturas, fotografías, esculturas, videocreacións e instalacións atópanse grandes nomes como Castelao, María Antonia Dans, Eugenio Granell, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Seoane; artistas de recoñecida traxectoria como o premio nacional de fotografía Manuel Vilariño e a fotógrafa Mar Caldas, o escultor Manolo Paz, os pintores Antón Lamazares, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas, e tamén representantes das xeracións máis novas como Diego Vites, Lois Patiño ou Noa e Lara Castro de Lema, entre outros moitos.

Seguindo os achados das investigacións en neuroestética e neuroarquitectura, As estacións do ano xoga coas cores, a disposición das pezas no Museo e a temperatura —a través de dúas cabinas de inmersión, unha de frío e outra de calor— para activar as emocións e focalizar a atención dos sentidos en cada obra de arte. Pode visitarse ata o vindeiro domingo, con entrada de balde, en horario de 10,00 a 20,00 horas.

Diálogo aberto sobre a arte do século XXI

O xoves 3 de setembro ás 18,00 horas está previsto, ademais, un diálogo aberto con tres artistas sen xeración definida presentes na mostra: Berio Molina, Sergio Marey e Mar Ramón Soriano. Neste encontro compartirán co público as súas inquedanzas e procesos, así como a súa perspectiva sobre a evolución da creación contemporánea en Galicia nos últimos 25 anos. Desde as reflexións sobre a globalización, as novas tecnoloxías e o mundo urbano ao xiro cara á tradición, á identidade e ao propio que deron moitos artistas arredor do ano 2010. Para asistir é necesario reservar praza, de maneira gratuíta na web da Cidade da Cultura.

Esta proposta encádrase na liña Gaiás inspira, que programou diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor da exposición. Dentro delas, desenvolveuse un encontro con Edu Valiña e Mondra para afondar na instalación Esfollarse, unha das cinco pezas inéditas creadas de maneira específica para a mostra, e tamén as visitas especiais Segunda Pel, pensadas para amplificar a inmersión do público, ao vestir prendas monocromas iguais que camuflaban a súa presenza coas cores das paredes do Museo.

Estas actividades veñen a sumarse ás visitas guiadas regulares e tamén didácticas do Museo Centro Gaiás, destinadas ao alumnado dos centros galegos, nas que participaron máis de 1.400 persoas.

As estacións do ano é un dos grandes proxectos expositivos da Cidade da Cultura para o ano 2026 e unha das mostras de arte galega máis ambiciosas da última década. A súa realización foi posible grazas á xenerosidade dos artistas e á colaboración das coleccións de arte públicas e privadas máis destacadas de Galicia, coa Colección de Arte Afundación, a Colección de Arte ABANCA e o Museo de Belas Artes da Coruña á fronte. Tamén hai pezas procedentes das fundacións María José Jove, Luis Seoane e Eugenio Granell, así como do Centro Galego de Arte Contemporánea, os museos de Pontevedra e de Lugo, e as galerías Nordés e Trinta, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/08/2026