O uso da intelixencia artificial nas empresas galegas de dez ou máis traballadores medra case un 57 % nun ano
Unha de cada cinco empresas deste tamaño xa emprega esta tecnoloxía
Nas microempresas galegas a adopción da IA aumenta un 84,9 % no último ano e está presente en preto dun 10 %
Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores conta con especialistas TIC
Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2026
O uso da intelixencia artificial creceu en Galicia en todos os segmentos empresariais no último ano. No caso das empresas de 10 ou máis traballadores con sede e/ou actividade en Galicia o crecemento foi do 56,5 %, o que supón que o 20,5 % das pemes e grandes empresas da comunidade empregan a IA. O incremento nas microempresas foi do 84,9 %, o que implica que o 9,8 % delas utiliza a intelixencia artificial.
Son datos recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas empresas de Galicia, edición 2025, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe constata tamén unha evolución positiva na contratación de servizos de Cloud Computing, que acada o 45,7 % nas empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, fronte ao 36,1 % de 2024, e supera a media estatal, situada no 44,3 %. Nas microempresas medra un 62,2 % e chega ao 9,9 %.
Ademais, o 42,4 % das empresas de maior tamaño e actividade en Galicia realiza analítica de datos co seu propio persoal, cun incremento anual do 23,3 %. Os rexistros de transaccións e os datos sobre clientes son os máis analizados.
Comercio electrónico
O comercio electrónico consolídase como outra canle da actividade empresarial. O 27 % das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia vende por Internet, un 1,9 % máis que no ano anterior e lixeiramente por riba da media estatal, que se sitúa no 26,6 %.
As vendas a través de páxinas web ou aplicacións propias son a principal canle do comercio electrónico e concentran o 89,8 % das operacións en liña das empresas de maior tamaño que venden por Internet.
Talento dixital e teletraballo
Unha de cada cinco empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia conta con especialistas TIC. Entre as que empregan estes perfís, o 52,5 % conta con mulleres especialistas TIC, unha proporción claramente superior á media estatal, do 38,7 %.
O teletraballo mantense implantado no 39,1 % destas empresas, por riba da media estatal, situada no 37,4 %. O 24,4 % do seu persoal teletraballa regularmente, fronte ao 20 % do conxunto de España.
TIC, sustentabilidade e investimento
O informe inclúe novos indicadores sobre o uso de solucións TIC para mellorar a sustentabilidade e medidas de reciclaxe. O 82 % das empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia recicla os equipamentos TIC en contedores específicos. Ademais, o 28,1 % emprega solucións TIC para reducir o consumo de enerxía e o 21,2 % para diminuír o uso de materiais ou fomentar materiais reciclados.
En canto ao investimento en tecnoloxía, a ciberseguridade concentra as maiores partidas orzamentarias. As empresas de 10 ou máis traballadores con sede e/ou actividade en Galicia destinaron máis de 669 millóns de euros á seguridade TIC e 70,6 millóns a sistemas de intelixencia artificial.
Nas microempresas, o gasto en seguridade TIC achegouse aos 47,4 millóns de euros e o investimento en sistemas de intelixencia artificial situouse en 2,3 millóns.
Os datos do informe poden consultarse en www.osimga.gal