Villares enxalza a V Festa da Ribeira Sacra como escaparate do sector vitivinícola
O delegado territorial da Xunta participou na apertura da feira, que durante a fin de semana ofrecerá no Saviñao unha completa programación arredor da cultura do viño, a gastronomía e a artesanía
O Saviñao (Lugo), 28 de agosto de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, foi o encargado de abrir esta tarde a V Festa da Vendima da Ribeira Sacra, no Saviñao, e destacou a contribución desta iniciativa á promoción do sector vitivinícola e á posta en valor das tradicións e dos produtos da comarca.
Villares, que estivo acompañado polo alcalde do Saviñao, Carlos Armesto, animou á cidadanía a visitar esta feira, que durante a fin de semana acollerá na Devesa de Escairón unha completa programación con catas de viños, gastronomía, artesanía, xogos tradicionais, música e outras actividades actividades vinculadas á cultura do viño.
A xornada central será o domingo, co pregón a cargo do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, a bendición das uvas e dos campos, a pisa oficial e o nomeamento de damas e cabaleiros da Orde de Mencía, entre eles o propio delegado territorial, que tamén recibirá este recoñecemento.
A Fundación Artesanía de Galicia colabora por terceiro ano consecutivo con esta festa a través do patrocinio de dous obradoiros impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, de Peixesapop, e polo ceramista Carlos San Claudio, que se desenvolverán durante a fin de semana de 12,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas. Nestas actividades, que serán gratuítas e abertas a todos os públicos, os participantes poderanse iniciar no torno cerámico e participar nun gran tapiz no que se traballará o tecido en alto lizo.