A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar respondeu a unha pregunta na Comisión 8ª, de Pesca e Marisqueo

Mar pon en valor no Parlamento o fito de superar o obxectivo de execución do FEMPA ao certificar máis de 64,5 M€ en 2025 e garantir todos os fondos europeos

Marta Barreiro explicou que Galicia cumpriu a regra n+3 nun 104,3 %, blindando os recursos asignados ata 2029

O departamento autonómico acadou un 80 % en compromisos firmes de gasto nun exercicio onde máis do 85 % dos investimentos de capital estiveron cofinanciados con fondos da Unión Europea

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Marta Barreiro, respondeu na Comisión 8ª do Parlamento de Galicia a unha pregunta sobre a execución dos orzamentos do departamento autonómico no exercicio 2025, destacando a solvencia e rigor na xestión dos fondos estruturais europeos. Barreiro salientou que a comunidade superou con éxito o primeiro grande exame financeiro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA 2021-2027) ao certificar 64,53 millóns de euros ante a Comisión Europea, acadando un grao de cumprimento do 104,31 % sobre a meta fixada pola regra n+3.

Durante a súa intervención, a responsable autonómica lembrou que o orzamento inicial de gastos de 2025 ascendeu a 220,7 millóns de euros, dos cales o 67 % estivo directamente vinculado ao programa FEMPA —sumando a achega europea e o 30 % de cofinanciamento da Xunta—, unha proporción que se elevou ata o 85,78 % no caso das partidas destinadas a investimentos e subvencións de capital. Neste sentido, remarcou que os fondos europeos non executados nunha única anualidade non se perden, senón que se reincorporan aos exercicios seguintes dentro do marco financeiro global de 366,19 millóns asignado a Galicia ata o ano 2029.

A secretaria xeral técnica detallou que a execución en fase de obrigas recoñecidas situouse no 67,5 %, mentres que o nivel de compromisos firmes de gasto con terceiros alcanzou o 80 % do crédito inicial. Barreiro explicou que a marxe restante responde, principalmente, á complexidade administrativa das axudas de capital, suxeitas aos prazos de xustificación dos investimentos por parte dos beneficiarios, emendas documentais ou solicitudes de prórroga. Por último, subliñou que a Xunta pon á disposición do complexo mar-industria todo o crédito dispoñible desde o inicio de cada ano, garantindo un ritmo de xestión eficaz e positivo de cara ao cumprimento dos obxectivos de 2026.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/09/2026