O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP presenta as melloras desta ferramenta de comunicación co alumnado e familias

Os centros de ensino públicos galegos contarán cun novo modelo de web corporativo máis sinxelo e funcional para toda a comunidade educativa

Román Rodríguez subliña que o obxectivo desta actualización é ofrecer un mellor servizo con “información máis clara e fácil de localizar”, ao tempo que se favorece a eficiencia e a redución da burocracia nos propios centros

Os contidos poderán visualizarse en calquera dispositivo electrónico, sexa ordenador, tableta ou teléfono móbil

Os espazos web de cada centro manterán unha estrutura común, o que favorece tamén a accesibilidade en todos, ao tempo que manteñen a súa identidade para visibilizar os proxectos propios

A transición das webs actuais, que levan funcionando dúas décadas, ás novas farase de maneira progresiva e os centros contarán con acompañamento de persoal asesor

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

Os centros educativos públicos galegos contarán cun novo modelo de web corporativo máis sinxelo, funcional e accesible que se irá implantado de maneira progresiva a partir deste curso escolar co obxectivo de ofrecer un mellor servizo aos equipos directivos, profesorado, familias e alumnado. Así o destacou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.

O conselleiro presentou a actualización desta ferramenta de comunicación entre os centros e a comunidade educativa, que incorpora unha serie de melloras tecnolóxicas que, segundo explicou, na práctica, se traduce en “contidos máis claros e información máis fácil de localizar”. “Estas webs son, moitas veces, o primeiro contacto que unha familia ten cun centro educativo” polo que, logo de dúas décadas de funcionamento tras a súa posta en marcha en 2006, “cómpre actualizadas e preparalas para as necesidades actuais e futuras dentro do contexto de transformación dixital”, abondou.

O director da Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia, Damián Rey, destacou a importancia de que estas webs empreguen solucións de software libre que garanten a cada centro “un espazo propio e exclusivo, pero integrado e unificado, cun modelo de programación e deseño accesible e doado de manexar polos profesores ou as persoas encargadas da web”.

O novo modelo de web, que foi deseñado polo Centro de Innovación Educativa da Consellería de Educación en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia, incide en tres aspectos principais que son a seguridade, a utilidade e facilidade de uso para os usuarios e a xestión ordenada e eficiente dos contidos.

Así pois, no que atinxe á seguridade, a actualización da plataforma antiga permite avanzar cara unha contorna dixital máis robusta, fiable e preparada para implementar futuras evolucións tecnolóxicas.

No que se refire á utilidade, a nova web estará adaptada para visualizarse en calquera dispositivo electrónico, sexa ordenador, tableta ou teléfono móbil. “Cada vez consultamos máis información desde un teléfono, polo que é imprescindible que as familias poidan localizar facilmente un aviso, consultar un calendario ou acceder á aula virtual do seu centro”, explicou o conselleiro.

Ademais das vantaxes para as familias, explicou que o novo modelo permitirá unha xestión máis ordenada e eficiente para os equipos directivos e o profesorado na medida en que se reduce a complexidade técnica á hora de incorporar e actualizar contidos, o que tamén vai na liña do Plan de redución da burocracia nos centros que ten en marcha a Consellería.

Estrutura homoxénea e flexible

A nova web corporativa contará cunha estrutura homoxénea, clara e recoñecible para todos os centros educativos, con apartados comúns como un menú principal, accesos directos a servizos máis empregados (aula virtual, correo, oferta educativa, programacións didácticas...), avisos (para comunicar información importante ou prioritaria de maneira visible), actualidade (para difundir novas e actividade ordinaria do centro), ou calendario (datas e eventos relevantes) entre outros.

Non obstante, trátase dun sistema flexible no que os centros poden manter a súa identidade e dar visibilidade aos seus proxectos, actividades e iniciativas a través de apartados concretos. Establécese, por tanto, unha arquitectura común que facilite o seu recoñecemento social e facilidade de uso, pero “con capacidade para que cada comunidade educativa conte a súa propia realidade”, subliñou Román Rodríguez.

Implantación progresiva

Co fin de garantir unha transición ordenada, gradual e segura das actuais webs ao novo modelo máis moderno e funcional, o proceso de cambio farase dun xeito progresivo mediante a creación dun novo espazo cun novo dominio que coexistirá temporalmente co anterior. Deste xeito, en ningún momento se vai interromper a comunicación ordinaria coa comunidade educativa.

Ademais, os centros educativos contarán con apoio do persoal asesor Abalar da súa zona para este proceso, que os acompañará na posta en marcha do novo modelo, ofrecerá orientación sobre a organización dos contidos, a edición e o funcionamento xeral da nova web.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/09/2026