A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade compareceu hoxe en comisión parlamentaria

A Xunta avanza na posta en marcha do Sistema voluntario de créditos de carbono coa adxudicación do contrato da súa plataforma tecnolóxica

A previsión é que estea operativa este ano convertendo Galicia na primeira comunidade en contar cun mercado destas características que se apoia en tecnoloxías avanzadas para garantir a seguridade, a trazabilidade e o seguimento das operacións

Este sistema permitirá que empresas, organizacións e cidadáns poidan compensar as súas emisións mediante proxectos que reduzan ou absorban gases de efecto invernadoiro como a reforestación, a acuicultura sostible ou as enerxías renovables

Esta iniciativa pioneira, rigorosa e transparente combina compromiso ambiental, innovación tecnolóxica e oportunidade económica

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

A Xunta vén de adxudicar o contrato para desenvolver a plataforma tecnolóxica do Sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia (proxecto SICLE CO2), o que supón un avance significativo na posta en marcha desta ferramenta innovadora que ten como obxectivo contribuír á descarbonización e impulsar novos modelos de negocio vinculados á economía verde.

Segundo indicou a directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, en comisión parlamentaria, a formalización deste contrato supón pasar do deseño normativo do Sistema voluntario de créditos de carbono ao seu despregue tecnolóxico efectivo. A previsión é que estea operativo este ano, convertendo Galicia na primeira comunidade en contar cun mercado destas características apoiado en tecnoloxías avanzadas que garantan a seguridade, a trazabilidade e o seguimento das operacións.

Cómpre lembrar que este sistema permitirá que empresas, organizacións e cidadáns poidan compensar as súas emisións mediante proxectos que reduzan ou absorban gases de efecto invernadoiro como a reforestación, a conservación dos montes, a acuicultura sostible ou as enerxías renovables. Así, terá un funcionamento similar ao dun mercado virtual que busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións.

Con esta novidosa iniciativa, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático está a impulsar un sistema pioneiro, rigoroso e transparente, que combina compromiso ambiental, innovación tecnolóxica e oportunidade económica.

Máis polo miúdo, este proxecto contribuirá a acadar a neutralidade climática de Galicia en 2040 -dez anos antes que o obxectivo establecido pola Unión Europea- xa que permitirá aumentar a capacidade de absorción de CO2 mediante proxectos certificados e, ao mesmo tempo, favorecerá a conservación de ecosistemas terrestres e mariños.

Desde o punto de vista tecnolóxico, esta iniciativa integrará a intelixencia artificial, datos multisensor, imaxes satelitais, sistemas de información xeográfica e blockchain, ademais da interoperabilidade con outros sistemas da Xunta e bases de datos externas oficiais.

A maiores, este mercado voluntario abre novas oportunidades de negocio e emprego verde en áreas estratéxicas para Galicia, como o sector forestal, o agrario ou o acuícola; incentiva a participación de empresas e cidadanía na acción climática, e contribúe a unha transición xusta e verde, reforzando a competitividade dos sectores produtivos.

Polo tanto, o SICLE CO2, que está deseñado como unha Compra Pública Innovadora (CPI), é unha aposta estratéxica da Xunta para situar Galicia na vangarda da acción climática, combinando innovación pública, rigor técnico e beneficio directo para os sectores produtivos galegos.

Comité técnico

No marco da aposta da Xunta por esta iniciativa de acción climática, o Goberno galego xa constituíu o pasado mes de febreiro o Comité Técnico do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono como órgano colexiado de análise encargado de contribuír ao desenvolvemento e mellora do Sistema e de participar na elaboración e tramitación das súas metodoloxías.

De feito, este comité xa está avanzando na elaboración das primeiras propostas de metodoloxías, que estarían dirixidas á certificación, por unha banda, do almacenamento de carbono en produtos de madeira para a construción en Galicia e, por outra banda, das absorcións de carbono mediante a xestión forestal mellorada por alongamento de quendas en Galicia.

A través deste Sistema Voluntario, Galicia crea a súa propia infraestrutura tecnolóxica para medir, verificar e certificar carbono con rigor; define as súas propias metodoloxías, adaptadas ao monte, á madeira, á agricultura e aos ecosistemas mariños galegos; e avanza para situar a Comunidade como referente europeo en integridade ambiental e trazabilidade.

Data de actualización: 02/09/2026