A Xunta impulsa 26 novos proxectos municipais de carácter estratéxico cun investimento de 10M€
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou hoxe na inauguración da reforma do parque multiocio da Pesqueira de Mos, unha das actuacións beneficiarias desta liña de apoio o ano pasado
A Xunta destinou a esta iniciativa unha achega de 253.700 euros, o que supón a metade do orzamento total
Diego Calvo incidiu na importancia de actuacións coma esta que contribúen a ofrecer un espazo de ocio ás familias e á veciñanza, ao mesmo tempo que se promove a práctica de deporte ao aire libre
Na convocatoria deste ano cinco das propostas beneficiarias sitúanse na provincia pontevedresa por importe de máis de 2,2M€ para actuacións en Cerdedo Cotobade, Ribadumia, Lalín, Rodeiro e Covelo
Mos (Pontevedra), 2 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor o apoio da Xunta a proxectos que transcenden o ámbito municipal e teñen repercusión supramunicipal ou comarcal a través das convocatorias do Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico. Así, explicou que na convocatoria deste ano houbo 26 iniciativas beneficiarias -10 na provincia da Coruña, seis na de Ourense, cinco na de Pontevedra e outras cinco na de Lugo- por importe de 10 millóns de euros. Este investimento incrementouse respecto aos oito millóns de cada unha das dúas anteriores convocatorias, correspondentes aos anos 2024 e 2025. A Xunta consolida así este instrumento activado hai dous anos que se converteu en fundamental no eido local.
Na xornada de hoxe, o conselleiro participou xunto coa directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, na inauguración da reforma do parque multiocio da Pesqueira, en Mos, un dos proxectos beneficiarios na convocatoria de 2025 cunha achega de 253.700 euros, a metade do orzamento total do proxecto, que ascende a máis de 507.500 euros.
No que se refire á convocatoria deste ano houbo cinco propostas beneficiarias na provincia pontevedresa por máis de 2,2 millóns de euros. En concreto, corresponden a Cerdedo Cotobade, que recibirá 493.000 euros para o acondicionamento de estrutura e envolvente do pavillón ou Ribadumia, onde o Goberno galego investirá 262.000 euros na reforma da piscina municipal do complexo deportivo de Cabanelas. Ademais, a Xunta destinará 500.000 euros en apoio a cada un destes tres proxectos: habilitar un módulo cuberto de atletismo en Lalín, a construción dun edificio polivalente para usos asistenciais, destinado a centro de día e punto de atención infantil (PAI) en Rodeiro e a posta en marcha dunha residencia xeriátrica e centro de día en Covelo.
Xunto aos cinco proxectos beneficiarios este ano que se sitúan en Pontevedra, hai outros 10 na Coruña - Ames, Brión, Cabana de Bergantiños, Carral, Cedeira, Fisterra, Miño, Ordes, Pontedeume e Vedra-, seis en Ourense -Boborás, A Bola, O Carballiño, Laza, O Pereiro de Aguiar e Xinzo de Limia- e outros cinco en Lugo - Begonte, Castro de Rei, Cervo, Chantada e Lugo-.
Respecto ás convocatorias anteriores desta liña de colaboración, os concellos pontevedreses de Baiona, Meaño, Moraña, Poio, O Porriño, O Rosal, Salvaterra de Miño, Soutomaior e a Mancomunidade do Salnés resultaron beneficiarios na primeira de 2024 e a eles sumáronse Mondariz, Ponteareas, Silleda, Valga e Vilanova de Arousa en 2025, así como un novo proxecto da Mancomunidade do Salnés e o proxecto visitado hoxe en Mos.
Durante a visita de hoxe, Diego Calvo destacou que as actuacións que se executaron para ampliar o parque multiocio da Pesqueira de Mos contribúen a ofrecer un espazo de ocio ás familias e á veciñanza, con zonas como o parque infantil con distintos elementos de xogo ou a área de descanso con mesas e bancos de madeira, e, ao mesmo tempo, a fomentar a práctica de deporte ao aire libre, sobre todo entre os máis novos, con instalacións novas como o parque de skate e o rocódromo. Para iso, foron necesarios traballos de acondicionamento e regularización do terreo, a adecuación de accesos con sendeiros e ramplas ou a instalación das redes de saneamento e alumeado público.
O conselleiro puxo en valor a importancia de contar con espazos abertos coma este, que ofrecen tamén novas posibilidades para a práctica de actividade física ao aire libre. Salientou o papel do tecido asociativo na dinamización da vida local e destacou a vocación deste parque de ser un espazo aberto á veciñanza, ás familias e ás asociacións de Mos. Ademais de mellorar a calidade de vida da veciñanza, engadiu que a ampliación do parque pode contribuír a converter este espazo nun punto de atracción para poboación doutros concellos da comarca.
A través desta liña de apoio ás entidades locais, o Goberno galego impulsa iniciativas que transcenden o ámbito municipal, xa que teñen unha repercusión supramunicipal ou comarcal, e que contribúen a fomentar a economía e a industria dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos. Tamén teñen esta consideración de estratéxicos os investimentos en infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores de ámbito supramunicipal. Ademais, inclúense os investimentos destinados á conexión, á reorganización, ao agrupamento ou á centralización de edificios destinados á prestación de servizos municipais. Na convocatoria deste ano, no que se refire á tipoloxía, as infraestruturas deportivas foron as principais beneficiadas en todo o territorio, con 17 propostas financiadas e un investimento conxunto de 6,3 millóns de euros, o que supón máis do 60% en cada caso.
As axudas destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico enmárcase no compromiso do Goberno galego coas entidades locais, con diferentes liñas de apoio cada ano para facilitar tanto a mellora de equipamento como de infraestruturas. Así, só o ano pasado o apoio da Xunta permitiu impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos. No concello de Mos, a Xunta leva investidos máis de 1,7 millóns de euros.