Belén do Campo destaca en Muxía o éxito do Bono Remuda Rural para garantir a continuidade dos pequenos negocios
A representante do Goberno autonómico destacou que esta iniciativa xa permitiu apoiar 12 negocios na provincia da Coruña e que este ano incrementou o seu orzamento un 20 % para garantir a continuidade do tecido comercial e empresarial galego
Muxía (A Coruña), 2 de setembro de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Muxía, Javier Sar, e pola tenente de alcalde de Muxía, Sandra Vilela, visitou hoxe Talleres Os Muíños S.L., un dos establecementos beneficiarios do Bono Remuda Rural 2025, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración destinada a facilitar o relevo xeracional das persoas traballadoras autónomas e garantir a continuidade de negocios viables. Neste senso, lembrou que o novo propietario contou cunha achega máxima de 30.000 euros para garantir a continuidade do negocio, mentres que a persoa que o transmitiu recibiu 6.000 euros.
Durante a visita, a representante do Goberno galego puxo en valor o impacto deste programa na provincia, onde xa permitiu apoiar 12 negocios situados en nove concellos, cun investimento superior aos 275.000 euros.
Belén do Campo destacou que a Xunta incrementou este ano nun 20 % o orzamento desta liña de axudas, ata alcanzar os 1,5 millóns de euros, co obxectivo de seguir impulsando o relevo xeracional no tecido comercial e empresarial galego. “O Bono Remuda destaca pola súa eficacia á hora de facilitar a continuidade dos pequenos negocios e apoiar as iniciativas emprendedoras, contribuíndo a manter o emprego e a actividade económica nos nosos concellos”, sinalou.
A delegada destacou o éxito deste programa, que xa esgotou recentemente o seu crédito para este ano, e que se concede en réxime de concorrencia non competitiva, por orde de presentación, a través de dúas modalidades. Por unha banda, o Bono Remuda Rural, destinado a negocios situados en concellos de menos de 10.000 habitantes, subvenciona o 75 % do importe do contrato de remuda. Pola outra, o Bono Remuda Xeral, dirixido aos municipios de maior poboación, cobre o 70 % do custo. A contía máxima da axuda ascende, con carácter xeral, a 30.000 euros, sen prexuízo das excepcións previstas na convocatoria.
Belén do Campo lembrou que o Bono Remuda forma parte da orde única de axudas da Xunta para persoas traballadoras autónomas, integrada por cinco programas orientados a favorecer o emprendemento, a consolidación da actividade e a conciliación.
Neste sentido, destacou que a convocatoria deste ano incorpora novidades na liña de promoción do emprego autónomo, dotada con 28,9 millóns de euros, ampliando ata dous anos a cobertura da cota cero para as persoas que inicien unha actividade vinculada á agricultura, á gandaría ou á silvicultura, fronte aos doce meses previstos na liña xeral. A orde complétase co Bono Nova Oportunidade, dotado con 1,5 millóns de euros para facilitar o retorno ao autoemprego; o Bono Autónomo, con 8 millóns de euros para apoiar investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses de actividade; e unha liña de incentivos á conciliación familiar, cun orzamento de 750.000 euros.