O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración entregou esta mañá o distintivo ao Mercado municipal de San Antonio
A Xunta incorpora Tui á Rede de Mercados Excelentes e eleva a sete as prazas de abastos galegas recoñecidas pola súa calidade, innovación e dinamización
José González sinala que o selo, que tamén teñen Tomiño, Vilagarcía, Pontedeume, Carballo, Ribeira e Ponteareas, recoñece o esforzo destes espazos por modernizarse sen perder os seus valores tradicionais e o trato personalizado
Pon en valor a vintena de postos de venda de alimentos frescos e de proximidade e a súa oferta gastronómica, con iniciativas como Saborea o Mercado de San Antonio, que conecta os artigos comercializados coa cociña
Destaca o vixente Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes, que reforza a cooperación coas entidades locais para acometer actuacións de reforma e renovación co horizonte de acadar 25 distintivos en 2030
Subliña que as preto de cen prazas de abastos existentes en Galicia, 41 delas na provincia de Pontevedra, constitúen puntos neurálxicos para a comercialización de produtos de proximidade e contribúen á actividade económica das vilas e cidades
Tui (Pontevedra), 3 de setembro de 2026
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo Gabriel Alén, e polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, entregou hoxe ao Concello o selo de Mercado Excelente para o Mercado de San Antonio, que se converte así na sétima praza de abastos de Galicia en obter este distintivo, tras as de Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume, Carballo, Ribeira e Ponteareas.
Durante a visita, o conselleiro destacou que esta acreditación recoñece o esforzo deste espazo por avanzar na modernidade, innovación e dinamización sen perder a autenticidade, tradición e trato personalizado. Incidiu en que as instalacións, inauguradas a finais de 2024, destacan polo seu moderno equipamento e os seus altos estándares de calidade.
González salientou, ademais, que o Mercado de San Antonio conta cunha vintena de postos de venda, nos que se comercializa unha ampla variedade de peixes e mariscos, produtos cárnicos, produtos frescos da horta ou plantas e flores. Así mesmo, enxalzou o seu Espazo Gastronómico como unha das grandes bazas do mercado con iniciativas como Saborea o Mercado de San Antonio, unhas xornadas de carácter mensual coas que se busca dinamizar este espazo e poñer en valor os produtos que se comercializan nel.
O titular de Comercio lembrou o compromiso da Xunta con estes equipamentos, que considera fundamentais para consolidar un modelo comercial baseado na calidade, a innovación, a sustentabilidade e a proximidade. Neste sentido, sinalou que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 fixa como obxectivo acadar os 25 Mercados Excelentes ao final do seu período de execución.
Para avanzar nesta dirección, a Xunta conta cunha liña específica de axudas para a mellora e modernización das prazas de abastos, que na última convocatoria 2026-2027 estivo dotada con 2,3 M€, ademais de ter en marcha o Plan de impulso da Rede de Mercados Excelentes, vixente para rexer a colaboración coas entidades locais ao impulsar obras de reforma, mellora ou modernización nas prazas de abastos.
Ademais, desde o Goberno galego estanse a promover outras iniciativas como Prato de Mercado, que busca potenciar a promoción das prazas de abastos a través da cociña galega, poñendo en valor a estreita conexión da gastronomía e da hostalería cos mercados.
González subliñou que as preto de cen prazas de abastos existentes en Galicia, 41 delas na provincia de Pontevedra, deben seguir reforzándose como puntos neurálxicos da comercialización de produtos frescos e de proximidade e como espazos de dinamización das vilas e cidades.