O comisario do Xacobeo 2027 presentou unha nova cita deste festival que conta cunha traxectoria de máis de 20 anos de celebración
O Revenidas converte Vilaxoán nun gran escenario da música alternativa e da cultura galega co apoio dos Concertos do Xacobeo
O festival celebrarase do 10 ao 13 de setembro cunha programación que combina música, gastronomía, circo e actividades para diferentes públicos
Evaristo, Bob Vylan, La Gossa Sorda, El Drogas, Dakidarría, Kumbia Queers, Fillas de Cassandra, Rebeliom do Inframundo ou The Rapants forman parte dun cartel que mestura referentes internacionais, estatais e galegos
A edición de 2025 reuniu 25.000 persoas en Vilaxoán, con dous días de aforo completo, e evidenciou a capacidade do festival para dinamizar a economía local e proxectar o territorio
Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 3 de setembro de 2026
O Revenidas regresa a Vilaxoán do 10 ao 13 de setembro cunha nova edición que volverá converter o porto e a contorna da localidade nun gran punto de encontro arredor da música alternativa e da cultura galega.
Durante catro xornadas, o festival combinará concertos de diferentes estilos con gastronomía, circo e actividades para toda a familia, nunha proposta profundamente vinculada ao territorio. O Revenidas conta co apoio da Xunta de Galicia a través dos Concertos do Xacobeo, o programa impulsado por Turismo de Galicia para reforzar a música en directo como atractivo cultural e turístico e favorecer a súa distribución por todo o territorio.
O comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez Román, participou esta mañá na presentación do festival e destacou a capacidade do Revenidas para construír “unha proposta cultural cunha identidade propia moi marcada, que nace en Vilaxoán e que conseguiu proxectarse moito máis alá da súa contorna”.
Neste sentido, puxo en valor a relación entre o festival e o espazo no que se celebra, sinalando que “hai lugares nos que a música encaixa dunha maneira especialmente natural, e o porto de Vilaxoán é un deles”. Ao seu xuízo, a integración do festival coa vila, co mar e coa vida cotiá da localidade constitúe “un dos grandes activos dunha cita que converte o territorio nunha parte máis da experiencia”.
Marcos Gómez Román destacou tamén os resultados da pasada edición, na que o Revenidas reuniu 25.000 persoas. “Estas cifras demostran a capacidade de convocatoria do Revenidas, pero tamén a fidelidade do seu público e a forza dunha proposta que conseguiu manter a súa identidade ao longo dos anos”, sinalou o comisario.
Unha identidade musical construída desde Galicia
O Revenidas presenta este ano un cartel no que conviven diferentes linguaxes musicais, desde o punk, o ska e o rock ata a música urbana e as propostas de raíz galega. Evaristo, Bob Vylan, La Gossa Sorda, El Drogas, Dakidarría, La Sra. Tomasa, Kumbia Queers, Fillas de Cassandra, The Rapants, Rebeliom do Inframundo, Sara Hebe ou De Vacas forman parte dunha programación que reúne artistas de diferentes xeracións e procedencias.
A programación comezará o xoves 10 con Narco, Sara Hebe, De Ninghures, Sons of Aguirre & Scila, Nadie González, Süne, El Pony Pisador, Yaya DJ e A Duendeneta. O venres 11 actuarán, entre outros, Evaristo, Bob Vylan, Dakidarría, La Sra. Tomasa, Matah, Terrae e The Salsa Punk Orkestra, mentres que o sábado 12 reunirá a La Gossa Sorda, El Drogas, Fillas de Cassandra, The Rapants, Taqbir, Rebeliom do Inframundo e Kumbia Queers. A xornada do domingo 13 incluirá a tradicional sardiñada popular, a Gala de Circo Solidaria e as actuacións de De Vacas, Lisdexia, As do Xeito e Mekanika Rolling Band.
O cartel incorpora así unha presenza destacada da escena galega e de propostas que conectan a creación contemporánea coa tradición e coa identidade cultural do país.
Un festival que se vive en Vilaxoán
A programación do Revenidas esténdese máis alá dos concertos e integra diferentes actividades que contribúen a facer do festival unha experiencia compartida por toda a localidade. A gastronomía, o circo, as actividades familiares e a tradicional sardiñada popular completan unha proposta que busca a participación de públicos diversos.
Para o representante da Xunta, esta dimensión é especialmente relevante porque “o festival non se pecha nun recinto, senón que forma parte de Vilaxoán e da súa vida durante varios días”. Neste sentido, sinalou que propostas deste tipo “permiten que a cultura se mesture coa hostalaría, co comercio, co espazo público e coa propia identidade dunha localidade”.
Concertos do Xacobeo
Neste 2026, os Concertos do Xacobeo suman máis de 185 festivais, ciclos e concertos en máis de 75 localidades, cunha programación distribuída ao longo dos doce meses do ano e con máis de 800 artistas e bandas de diferentes estilos e procedencias. Un total de 51 destes eventos celébranse na provincia de Pontevedra.
O programa completo dos Concertos do Xacobeo pode consultarse en www.concertosdoxacobeo.gal.