María José Gómez recoñece o bo facer dos profesionais da gandaría de Acruga e agradece a súa aposta polas razas autóctonas

A titular de Medio Rural participou hoxe no acto de homenaxe aos profesionais da gandaría xubilados durante o ano 2025 da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto Rubia Galega

Na súa intervención incidiu tamén en que a gandaría “non é só unha profesión” senón que é “unha maneira de vivir e de entender a terra”

Salientou “o amor polo oficio” e o “compromiso” que caracteriza o bo facer das persoas que escollen o rural como o seu modo de vida e que é “o mellor legado” que pode deixar quen se xubila

Lugo, 3 de setembro de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe no acto de homenaxe aos profesionais xubilados durante o ano 2025 da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega (Acruga) celebrado hoxe en Lugo. Alí, recoñeceu o seu labor e bo facer, e agradeceu a súa aposta polo mantemento e conservación desta raza.  

Neste sentido, a conselleira asegurou que estas persoas son unha parte fundamental da historia da gandaría da nosa comunidade e da Raza Rubia Galega, que hoxe é “unha referencia e un motivo de orgullo”. Incidiu tamén en que a gandaría “non é só unha profesión” senón que é “unha maneira de vivir e de entender a terra”.

Gómez fixo referencia tamén aos cambios experimentados polo sector primario, que foi mudando e adaptándose ás novas tecnoloxías e formas de traballar. Así, salientou “o amor polo oficio” e o “compromiso” que caracteriza o bo facer das persoas que escollen o rural como o seu modo de vida e que é “o mellor legado” que pode deixar quen se xubila, como é o caso de César Dorado Pin, que abandona a presidencia de Acruga e a quen agradeceu o seu traballo nas últimas décadas.

Xa para finalizar, afirmou que a Xunta vai seguir ao seu carón “cun apoio firme e incondicional” porque, aseverou, apoiar ás persoas gandeiras e poñer en valor o produto galego “é tamén defender o que somos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2026