O delegado da xunta en Ourense, acompañado da alcaldesa, supervisou esta mañá o remate das obras

A Xunta inviste 60.000 euros na instalación dun sistema de aerotermia para a mellora da eficiencia enerxética no punto de atención á infancia do Riós

O delegado da Xunta salientou que o Goberno autonómico ten como obxectivo o desenvolvemento equilibrado do territorio galego, do medio rural e do urbano, que permita o progreso económico da totalidade da súa xeografía

Reiterou Manuel Pardo reiterou que o obxectivo común é conseguir e mellorar o funcionamento dos servizo e das infraestruturas municipais, de forma que os concellos poidan prestar servizos de calidade á veciñanza

O concello do Riós conta cun PAI no que se atende a 12 nenos de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos

Ourense, 04 de setembro de 2026

O delegado da Xunta, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello do Riós para, acompañado da súa alcaldesa, Eva Barrio, supervisar o remate das obras de instalación dun sistema de aerotermia para a mellora da eficiencia enerxética no Punto de Atención á Infancia ás que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, fixo unha achega de 60.000 euros.

O delegado da Xunta salientou que o Goberno autonómico ten como obxectivo o desenvolvemento equilibrado do territorio galego, do medio rural e do urbano, que permita o progreso económico da totalidade da súa xeografía e que a cidadanía teña unhas óptimas condicións de vida, con independencia do lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos concellos que son a administración máis próxima aos administrados.

Reiterou Manuel Pardo que o obxectivo común é conseguir e mellorar o funcionamento  dos servizo e das infraestruturas municipais, de forma que os concellos poidan prestar servizos de calidade á veciñanza garantindo a calidade ambiental, a prevención e mitigación de efectos adversos sobre o  ambiente ou a atención ás emerxencias.

O concello do Riós conta cun PAI no que se atende a 12 nenos de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos. Este centro presta un servizo esencial neste concello rural, pois trátase dun servizo diúrno de conciliación laboral e familiar que proporciona coidado, apoio e estimulación aos nenos que  asiste a el, permitindo aos seu coidadores a conciliación da vida familiar e laboral, servizo especialmente importante en concellos rurais que carecen de alternativas para proporcionar aos nenos un entorno seguro e afectivo no que permanecer mentres os seus  coidadores atenden as súas obrigas laborais.

Manuel Pardo lembrou tamén as recentes actuacións da Xunta neste municipio como a retirada das escaleiras de acceso existente á Casa do Concello para realizar por un lado unha rampla de acceso con varanda, e por o outro lado unhas escaleiras; e tamén a renovación completa do parque infantil coa substitución das baldosas de caucho existentes por un caucho continuo; e na colocación de novos elementos de xogo; o que supuxo entre ámbalas dúas actuacións unha achega total de preto de 60.000 euros ao abeiro da orde de axudas do ano 2025 para a creación e mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais da  Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O novo sistema de calefacción

O sistema de calefacción do PAI funcionaba anteriormente a través dunha caldeira alimentada con combustibles fósiles pouco eficiente, que foi substituído pola instalación dun sistema de aerotermia altamente eficiente e vantaxoso para o medio ambiente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026