O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe en San Cibrao das Viñas a empresa Luxsit, dedicada a crear espectáculos de luces mediante drons

A Xunta impulsou co programa Investigo a contratación de máis dun milleiro de persoas mozas en sectores de I+D+i no último lustro

José González subliña que Luxsit é unha das empresas beneficiarias de Investigo, iniciativa que lle permitiu contratar tres mozos como enxeñeiros aeroespaciais

Destaca outros apoios á empregabilidade xuvenil, entre outros, o programa de primeira experiencia profesional (7,7 M€) ou os 4 M€ para a mocidade que abarca o programa Galicia Suma Talento: Emprégate, ambos con prazo de solicitudes aberto

Pon en valor a aposta do Goberno galego polo emprendemento a través da Rede de polos, que leva asesorado máis de 7.100 proxectos, deles máis de 1.400 nos polos da provincia de Ourense —O Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín—

Este tipo de medidas contribúen á creación de emprego xuvenil, pois as afiliacións das persoas menores de 30 anos acadaron en agosto o segundo maior número neste ámbito (155.244) de toda a serie histórica só por detrás do máximo rexistrado en xullo

San Cibrao das Viñas (Ourense), 4 de setembro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, salientou hoxe en San Cibrao das Viñas a aposta do Goberno galego a prol da retención de talento e de impulsar a empregabilidade de colectivos prioritarios como a mocidade, neste caso co foco en garantir a remuda xeracional. Fíxoo no marco dunha visita á empresa Luxsit, dedicada a crear espectáculos de luces mediante drons con tecnoloxía que eles mesmos desenvolven e onde estivo acompañado pola secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias.

Neste eido destacou o programa Investigo, que apoia a contratación indefinida de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación e do que é de beneficiaria Luxsit. En concreto, con este apoio a empresa contratou tres mozos como enxeñeiros aeroespaciais. Neste contexto, o conselleiro subliñou que no último lustro esta iniciativa permitiu máis dun milleiro de contratacións de persoas mozas.

En relación a Luxsit, José González puxo en valor o feito de que é unha iniciativa de talento novo que xorde dun proxecto universitario de alumnos da Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense —Universidade de Vigo— e a súa vocación emprendedora. Nesta liña, especificou que Luxsit recibiu asesoramento no Polo de emprendemento do Carballiño para impulsar a súa idea de negocio.

Batería de apoios á empregabilidade xuvenil

Ademais da iniciativa Investigo, coa que se promove a contratación indefinida a tempo completo da mocidade desempregada por un período máximo subvencionado de 12 meses, o Goberno galego impulsa outros apoios a prol da empregabilidade xuvenil. Entre eles, os de primeira experiencia profesional, que contan con 7,7 M€ de orzamento; os 4 M€ para a mocidade que abarca o programa Galicia Suma Talento: Emprégate e as axudas para impulsar as iniciativas empresariais de base tecnolóxica IEBT, cunha dotación orzamentaria de 500.000 euros. Estas tres liñas teñen prazo de solicitudes aberto ata o 30 de setembro. Outras achegas son os 6,5 millóns de euros para a mellora da empregabilidade de mozas e mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil —neste caso con prazo de solicitude pechado—.

A isto engadiu o apoio que brinda a Xunta ao ecosistema emprendedor a través da Rede de polos de emprendemento, unha ferramenta que se seguirá potenciando coa futura Estratexia de emprendemento ligado ao territorio co fin de identificar oportunidades e sectores tractores de cada zona. Esta rede leva acompañado máis de 7.100 proxectos, deles máis de 1.400 asesorados nos catro polos da provincia de Ourense —O Barco de Valdeorras, Baños de Molgas, O Carballiño e Verín—.

Este tipo de medidas contribúen á creación de emprego xuvenil, de feito, as afiliacións da poboación galega menor de 30 anos acadaron en agosto o segundo maior número neste ámbito (155.244) de toda a serie histórica, só por detrás do máximo rexistrado no pasado mes de xullo (156.409). Ademais, con respecto a hai un ano, creouse un 6,38% máis de emprego entre a mocidade galega, un ritmo de crecemento que triplica o rexistrado no total de Galicia.

Formación flexible e atracción de talento

A maiores, o conselleiro sinalou que a Xunta complementa estes apoios para potenciar a retención de talento con outras medidas como a aposta pola formación flexible, áxil e aliñada coas necesidades das empresas, co obxectivo de axustar a formación de perfís cualificados á demanda do tecido produtivo. Ademais, Galicia conta cun modelo propio de captación de talento exterior, co foco no retorno dos galegos do exterior e, nun segundo eixo, na captación de traballadores de terceiros países.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2026