A Xunta ofrece unha xornada de formación para impulsar a xestión e comunicación dixital dos museos

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude celebrará o vindeiro 8 de outubro na Cidade da Cultura un encontro con expertos como Javier Sainz de los Terreros ou Lidia García Merenciano

Esta cita ten como obxectivo reforzar a relación do patrimonio coa contorna dixital e dotar aos profesionais co saber para un bo uso da tecnoloxía

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2026

A Xunta organizará o vindeiro 8 de outubro, na Cidade da Cultura, a xornada Os museos na encrucillada tecnolóxica: estratexias de xestión e comunicación, destinada ao persoal técnico dos centros que forman parte do Sistema Galego de Centros Museísticos.

Esta iniciativa impulsada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude busca promover a actualización profesional e a transformación dixital destas institucións, ademais de dotar aos profesionais do sector de ferramentas clave para afrontar a modernización dos espazos expositivos. Para iso, abordarase o uso de novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio, como a fotogrametría ou a impresión 3D, e analizaranse as estratexias máis eficientes en materia de xestión dixital.

Desta forma, a xornada contará coa participación de diversos especialistas en comunicación dixital, divulgación cultural e científica e innovación no patrimonio, que compartirán a súa experiencia nunha serie de relatorios, concluíndo a xuntanza cunha mesa redonda cos participantes.

Con esta programación, o Goberno Galego reafirma o seu compromiso coa mellora continua do tecido cultural galego, impulsando a innovación e facilitando espazos de encontro que melloren a competitividade e a proxección dos museos de Galicia na contorna dixital. A iniciativa está aberta a todos os centros do sistema de museos, cuxo persoal poderá inscribirse no correo servizo.museos.cultura@xunta.gal ata completar as 120 prazas dispoñibles.

Data de actualización: 06/09/2026