A Xunta inicia mañá luns a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras
Os participantes que foron invitados a participar do distrito de Ourense poderán acudir, con cita previa, ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ata o 24 de setembro
Os días 28 e 29 de setembro recolleranse mostras no Hospital Comarcal de Valdeorras, e do 30 de setembro ao 1 de outubro, no Hospital Público de Verín
O horario para acudir á extracción de sangue é de 15,30 a 18,30 horas, sen necesidade de acudir en xaxún
Este proxecto pioneiro, cun investimento da Xunta de 20 millóns de euros, busca recompilar o ADN de 400.000 galegos
Santiago de Compostela, 6 de setembro 2026
A Xunta iniciará mañá, 7 de setembro, a toma de mostras da nova fase do proxecto Xenoma Galicia nos distritos sanitarios de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
As extraccións de sangue comezarán no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense a aquelas persoas que foron invitadas a participar e prolongaranse ata o 24 de setembro. Posteriormente realizaranse no Hospital Comarcal de Valdeorras, os días 28 e 29, e no Hospital Público de Verín, do 30 de setembro ao 1 de outubro.
O horario para realizar a extracción, con cita previa, será de 15,30 a 18,30 horas e non é necesario acudir en xaxún. O persoal sanitario informará de todo o proceso durante a toma de mostras aos participantes no estudo de investigación.
Para esta nova recollida de mostras, foron enviadas 2.706 invitacións para participar, das cales 2.188 persoas pertencen ao distrito de Ourense, 277 do Barco de Valdeorras e 241 de persoas do distrito de Verín.
O obxectivo é acadar a participación de 541 persoas: 438 de Ourense, 55 do Barco de Valdeorras e 48 de Verín.
Máis de 2.500 mostras analizadas
O proxecto Xenoma Galicia, que conta cun investimento da Xunta de 20 millóns de euros, ten por obxecto recompilar o ADN de 400.000 galegos para identificar os xenes relacionados cos cancro de mama e ovario hereditario, a síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar.
Ata o de agora, foron analizadas 2.504 mostras dos 4.261 participantes recrutados, rexistrando unha taxa de positividade do 1,7 % coa identificación de 42 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco.
A porcentaxe de poboación incluída no proxecto Xenoma Galicia fai del un dos de maior envergadura do mundo, situando a Galicia na primeira liña de investigación biomédica e farmacéutica do país. Os seus achados permitirán predicir o risco de enfermidades antes de manifestarse para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.
Este proxecto, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.