O director de Industrias Culturais participou na presentación do programa completo do encontro subvencionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
A Xunta destaca a capacidade do FIOT de Carballo para impulsar a creación escénica nunha 35ª edición con oito estreas absolutas
O Festival Internacional Outono de Teatro desenvolverase do 23 de setembro ao 31 de outubro cunha programación integrada por 43 espectáculos e propostas artísticas diferentes
O cartel inclúe oito estreas absolutas e nove espectáculos que poderán verse por primeira vez en Galicia
Entre as novidades figuran as coproducións do propio festival ‘A arte da guerra’, de Mofa e Befa, e ‘Oh! Onde deterese a mirar’, de AsSircópatas
Carballo (A Coruña), 4 de setembro de 2026
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará do 23 de setembro ao 31 de outubro a súa 35ª edición cunha programación integrada por 43 espectáculos e propostas artísticas diferentes, que conta con subvención da Xunta de Galicia para a súa organización. Baixo o lema Cando todo cae, ven ao teatro, o certame volverá estender a actividade escénica por diferentes espazos da localidade a través dos seus distintos programas e formatos, cunha carteleira con oito estreas absolutas e nove montaxes que poderán verse por primeira vez en Galicia.
A programación completa foi presentada hoxe no Pazo da Cultura nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, xunto a representantes da dirección do festival e do resto de institucións e entidades colaboradoras. A cita incluíu tamén a representación do espectáculo Unha señora orquestra, da compañía Torta Torta.
Sutil destacou o FIOT como “un dos grandes escaparates para a creación escénica e para o encontro das compañías co público en Galicia” e incidiu na súa capacidade para combinar “a presenza de propostas chegadas de diferentes territorios coa atención continuada ao talento e á produción galegos”. Así mesmo, fixo referencia á axuda que recibe o certame por parte da Xunta de Galicia, cifrada este ano en 47.300 euros a través da convocatoria de subvencións de festivais profesionais galego do ámbito das artes escénicas.
Máis dun mes de programación continuada
Entre os principais eixos desta edición, que se desenvolverá ao longo de case que 40 días de actividade continuada, atópase a incorporación de oito estreas absolutas. Dúas delas son coproducións do propio festival: A arte da guerra, de Mofa e Befa, que se representará dentro do programa de sala, e Oh! Onde deterese a mirar, de AsSircópatas, incluída no FIOTiño.
A estas engádese, dentro da sección Rúa dos Contos, As ben dadas, de Atenea García, así como as cinco creacións seleccionadas no programa Micro-Escenas M²: w0HrK, de Iván Dávila; A vinganza contra o Dr. Tirarrollas, da Compañía Humana; Fogar, de La Tercera; A casa do avó, de Candil Teatro; e Planeta pop: a alien que se converteu en superestrela, de Aterradas.
Para o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, esta presenza de novas creacións reforza “a función dos festivais como espazos que non se limitan á exhibición, senón que tamén contribúen a acompañar os procesos de produción, favorecer novas estreas e ampliar o percorrido dos espectáculos”.
Nove estreas en Galicia
O festival acollerá ademais a estrea en Galicia de nove propostas. Dentro do programa de sala poderán verse por primeira vez na comunidade Las gratitudes, de Producciones Teatrales Contemporáneas; Cosas pequeñas, de PSIRC; Libres!!!, do Teatro del Barrio; Doce metros cuadrados de piel (Seis miradas diversas sobre sexualidad), de La Rueda Teatro Social; Vendrán los alienígenas y tendrán tus ojos, de Pecado de Hybris; Solo quería bailar, de Olalla Hernández; Disección de la bondad en tres actos, de Titzina; e La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, de Rafael Álvarez, El Brujo. A relación complétase con La voz del becario show, de El Famoso Trino, dentro da programación de Rúa dos Contos.
A programación de Sala + OTNI inclúe tamén nomes e formacións como Carlota e Compañía, Chévere, Álvaro Corral Cid ou a portuguesa Companhia do Chapitô, ademais de propostas procedentes de Cataluña, Madrid, Castela e León e Andalucía.
Diferentes espazos e formatos
A diversidade de formatos volve ser unha das características do festival. Á programación de sala súmanse diferentes localizacións con Rúa dos Contos e o Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, as propostas para público infantil e adolescente de FIOTiño e FIOTEEN e o certame Micro-Escenas M². O cartel esténdese así por escenarios convencionais, pero tamén por prazas, locais de hostalaría, centros sociais e outros espazos de Carballo.
A edición complétase cun programa paralelo no que figuran, entre outras accións, Levedando: procesos de escritura e creación escénica, presentacións de libros e coproducións, ZoomFIOT, OndaFIOT, Café con…, a concesión do Xograr de Outono, unha homenaxe a Manuel Lourenzo, o Premio do Público e o Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, así como a colaboración coa Noite Europea das Persoas Investigadoras.