Galicia reclama á Comisión Europea que o esforzo da frota pola sostibilidade se traduza en estabilidade de cotas e seguridade xurídica para 2027

A Consellería do Mar remitiu as súas achegas á consulta pública lanzada por Bruxelas sobre a pesca sustentable na UE demandando que o Golfo de Biscaia e as augas ibéricas sexan recoñecidos como modelo de referencia en xestión responsable

A comunidade, que este semestre ostenta a representación das CC.AA. no Consello de Ministros Agrifish, esixe blindar a viabilidade socioeconómica e garantir igualdade de condicións comerciais ante terceiros países

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2026

A Consellería do Mar vén de remitir as achegas da Xunta de Galicia á consulta pública aberta pola Comisión Europea sobre a comunicación A pesca sostible na UE: estado da situación e orientacións para 2027, na que reclama que o esforzo da frota pola sostibilidade se traduza en estabilidade de cotas e seguridade xurídica para 2027. A toma de postura autonómica adquire un peso estratéxico engadido ao ostentar Galicia durante este segundo semestre de 2026 a representación de todas as comunidades autónomas nas reunións do Consello de Ministros de Agricultura e Pesca da Unión Europea (Agrifish).

Galicia defende que a xestión biolóxica e a rendibilidade socioeconómica deben avanzar xuntas para consolidar a soberanía alimentaria da Unión. No eido da xestión de pesqueiras, o documento reclama o recoñecemento explícito do Golfo de Biscaia e das augas ibéricas como activos estratéxicos e modelos de referencia, lembrando que a propia Comisión documenta a rápida caída da súa mortalidade por pesca e o cumprimento do Rendemento Máximo Sostible.

Galicia esixe evitar recortes automáticos e indiscriminados de cotas cando a falta de recuperación de determinados stocks obedeza a factores ambientais ou á actividade non declarada de terceiros operadores, avogando pola implantación xeneralizada de sendas de recuperación plurianuais que eliminen os drásticos vaivéns anuais e ofrezan estabilidade e previsibilidade ás empresas e confrarías.

En materia de competitividade e custos operativos, o departamento que dirixe Marta Villaverde, advirte do forte impacto da crise enerxética derivada da inestabilidade internacional. Ante esta situación, demándase unha estratexia dotada de fondos específicos de modernización enerxética e mecanismos de cobertura de prezos que vaian máis alá das compensacións puntuais de crise do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).

Por outro lado, Galicia pide revisar o marco regulador de capacidade pesqueira para distinguir entre o aumento do esforzo extractivo e os investimentos en arqueo e potencia orientados exclusivamente a mellorar a seguridade, a habitabilidade a bordo e a descarbonización dos barcos.

Igualdade ante as importacións

A posición galega pon tamén o foco no valor estratéxico da frota de grande altura e na renovación urxente dos acordos de colaboración con terceiros países, garantindo a defensa dos intereses comunitarios nos foros multilaterais e a subministración da industria transformadora. Para evitar a competencia desleal, Galicia reclama un estrito level playing field ou igualdade de condicións que obrigue ás importacións pesqueiras extracomunitarias —especialmente no sector da conserva de atún— a cumprir os mesmos requisitos ambientais, sociais e de trazabilidade que se lle esixen á frota europea.

A dimensión social e o equilibrio no mar son outras das achegas galegas cunha chamada a apoiar a pesca artesanal e o marisqueo a pé, acelerar a homologación dos títulos da xente do mar baixo o Convenio STCW-F e potenciar o papel da muller en toda a cadea extractiva e manufactureira. Así mesmo, reclámase un control proporcionado da obriga de desembarque que aposte pola selectividade e a prevención antes que por cargas ríxidas; a coexistencia garantida da pesca fronte a novos usos do espazo marítimo; e a continuidade dun fondo financeiro robusto, independente e específico para a pesca e a acuicultura no vindeiro Marco Financeiro Plurianual 2028-2034.

Data de actualización: 06/09/2026