A Xunta licita por máis de 589.000 € a subministración e instalación de mobiliario para o Edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 6 de outubro para presentar as súas ofertas

O Plan de investimentos do novo inmoble reafirma o compromiso da Xunta coa modernización tecnolóxica e a mellora continua da calidade asistencial e coa poata en marcha desta infraestrutura neste ano

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2026

O Portal de Contratos da Xunta publica, a licitación, por un importe estimado de 589.146,12 euros, da contratación, mediante acordo marco, da subministración e instalación de mobiliario de oficina con destino á ampliación do Edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Dividido en catro lotes, o expediente terá unha duración de dous anos e inclúe a posterior adxudicación dos contratos baseados que se formalicen ao longo da súa vixencia.

Deste xeito, o primeiro lote comprende as mesas e demais elementos destinados á configuración dos postos administrativos e de atención. O segundo lote comprende asentos e zonas de espera. O terceiro inclúe material de almacenaxe e o cuarto, accesorios e equipamento auxiliar.

As empresas interesadas neste procedemento teñen ata o 6 de outubro para presentar as súas ofertas.

Mellora da calidade asistencial

A Xunta de Galicia está a facer un investimento de 5.700.960 euros para a dotación de equipamento electromédico, alta tecnoloxía e mobiliario clínico do novo Edificio C do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

O Plan de investimentos do novo Edificio C do Hospital Clínico reafirma o compromiso da Xunta coa modernización tecnolóxica e a mellora continua da calidade asistencial que o sistema sanitario público lle presta á poboación galega, e coa posta en marcha do novo edificio este mesmo ano.

Data de actualización: 08/09/2026